O PP sobre o mantemento da rede viaria en Pantón: “Así non se coida a Ribeira Sacra nin a súa declaración como Patrimonio”

“Sempre demandamos o mantemento periódico da rede viaria provincial pola seguridade dos veciños e para facilitar as comunicacións, pero no caso de municipios eminentemente turísticos como Pantón tamén pedimos que o mantemento se realice coa antelación suficiente ao verán, época na que se achegan máis visitantes, para ter as estradas en perfecto estado”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular, xunto ao alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, e concelleiros do PP comprobaron como o mantemento da rede viaria provincial en Pantón “é nulo” polo que esixen a PSOE e BNG “unha preocupación real” polo estado das estradas da Deputación e comecen realizando o mantemento da estrada provincial LU-P-4112.

Os deputados populares condenan “o mal estado” desta vía de titularidade provincial “o que dificulta a mobilidade dos veciños de Pantón, así como dos turistas que se desprazan polo municipio para acudir aos diferentes puntos turísticos da localidade” como pode ser a Fervenza de Augacaída, unha das máis concorridas da provincia pola súa beleza natural e espectacularidade.

Dende o Grupo Provincial Popular xa se reclamou en numerosas ocasións o mantemento da rede viaria de toda a provincia, así como das estradas da Deputación en Pantón. 

“Sempre demandamos o mantemento da rede viaria provincial para facilitar as comunicacións e, sobre todo, por seguridade, pero no caso de municipios eminentemente turísticos como Pantón tamén pedimos que o mantemento se realice coa antelación suficiente ao verán, época na que se achegan máis visitantes, para ter as estradas en perfecto estado”, afirmaron os populares, ao que engaden que “o goberno de José Tomé considera que é mellor seguir a obviar o seu mantemento, mantendo a rede provincial nun estado perigoso”. 

Dende o Grupo Provincial Popular recordan que “en desatencións como esta podemos ver como dende o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo non apoian de forma real e decidida a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade” xa que “é necesario o esforzo conxunto de todas as administracións, así como dos veciños da provincia, para acadar este recoñecemento”. “Se non remamos todos na mesma dirección será moito máis difícil que a Ribeira Sacra logre a distinción que merece”, afirmaron.

Comparte éste artículo
No hay comentarios