Fillos de Breogán inicia os festexos do seu XV aniversario coa celebración da Copa McEvoy

O de A Coruña Fillos de Breogán non é un aniversario calquera, son quince anos dun club pioneiro, un título que só se gaña unha vez e que ninguén cho pode quitar:

Fillos de Breogán é o primeiro clube de fútbol gaélico da Galiza.

Hai xa 15 anos, aló polo 2010, un grupo de persoas animadas por Wenceslao García Zapata “Wences” puxéronse as botas e as luvas e comezaron a dar os seus primeiros pasos neste deporte que vén da illa de Irlanda pero que os galegos e galegas axiña sentimos como propio. Aos poucos meses o clube xa estaba
constituído como tal e comezaron as participacións nos torneos ibéricos, duros tempos de longos desprazamentos que mudaron coa creación da liga galega, na que os coruñeses foron padriños dos primeiros clubes que foron xurdindo noutras localidades galegas.

Foi entón tamén cando se produciu o nacemento da sección feminina do club, que tantos éxitos deportivos deu ao clube.

Este sábado 18 de outubro Fillos de Breogán comeza as celebracións do seu quince aniversario, que se estenderán ao longo da tempada a través de diferentes eventos en distintas localizacións da cidade que o veu nacer e crecer. O primeiro acto será unha nova edición da Copa McEvoy, homenaxe que Fillos de Breogán rende desde hai anos a unha das personaxes máis significativas da historia do club, o recentemente falecido Seánie McEvoy. O torneo terá formato triangular e nel participarán xogadoras e xogadores actuais do club, así como veteranos e veteranas que voltarán aos terreos de xogo para esta xornada de celebración. Os
partidos darán comezo a partir das 12 do mediodía no campo 3 da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias.

Trala entrega de trofeos, a celebración continuará no distrito dos Mallos cun terceiro tempo no Café Bar Mundo (Rúa Sofía Casanova, 20), que estará cheo de baile e música tradicional pola convocatoria dunha foliada aberta a partir das 17:00.

Comparte éste artículo
No hay comentarios