Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntan a José Tomé “se é coñecedor de que medios do parque móbil provincial se empregaron para asfaltar terreos de propietarios privados en Foz”.
Os deputados populares preguntan a Tomé “se ve normal” que se empreguen medios públicos de todos os lucenses para asfaltar parcelas de propietarios privados. “No caso de ter coñecemento desta situación, José Tomé debería de dar as explicacións oportunas e, no caso de non saber nada, debería de pedir contas ao deputado e alcalde de Foz, Francisco Cajoto”, ao que engaden que, “o peor sería que ambos alegasen descoñecemento da situación, polo que quedaría claro que os dous coñecían perfectamente que se estaba a realizar esta actuación totalmente irregular”.
Para os deputados do Grupo Provincial Popular o que queda acreditado é que “dende o goberno provincial empregan medios públicos para facer favores” polo que “ante a gravidade da situación queremos saber que tipo de expediente se tramitou para realizar dita actuación” polo que “se dende o goberno de PSOE e BNG non dan as explicacións oportunas, presentaremos unha iniciativa no pleno para obrigalos a que se expliquen publicamente, algo para o que chegaremos ata onde faga falta”.



Para os deputados populares esta actuación “é unha total falta de respecto” a todos os lucenses da provincia, xa que “ao uso sectario que realizan dos medios do parque móbil, unicamente poñéndoo a disposición dos concellos gobernados por PSOE e BNG e non permitir que pisen nin por un día máis da metade dos concellos da provincia, agora hai que engadir que se empregan os medios da Deputación de Lugo para actuacións en terreos privados”.
Dende o Grupo Provincial Popular tamén preguntan ao BNG “se van a seguir sendo cómplices de todas estas situacións irregulares e amparándoas co seu silencio” ou pola contra “van a dar un golpe sobre a mesa e esixir responsabilidades a José Tomé, que dende o goberno provincial, fai e desfai segundo lle apetece, sen ter en conta as necesidades de máis da metade dos veciños da provincia”.