Rego urxe o Goberno a denegar a autorización para a subestación eléctrica en Abegondo

O deputado do BNG no Congreso traslada as últimas iniciativas rexistradas nas Cortes do Estado para que o Goberno escoite a veciñanza e a súa oposición frontal a este proxecto.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, durante a súa visita a Abegondo traslada á veciñanza as últimas iniciativas rexistradas para demandar ao Goberno do Estado que rexeite o proxecto de subestación e a súa ampliación, un proxecto que desde o ano 2017 xera forte oposición veciñal e institucional pola súa falta de planificación, o seu impacto ambiental e social e o escurantismo que rodea a súa tramitación.

En 2017, Rede Eléctrica Española someteu ao trámite de consultas previas un primeiro proxecto para a construción dunha subestación en Abegondo. Aquel procedemento quedou paralizado sen que se definise a localización concreta da infraestrutura. Desde entón, diferentes proxectos eólicos que se pretendían instalar nesta comarca e nas de arredor basearon a súa evacuación na suposta subestación aínda inexistente.

O procedemento continúa marcado pola falta de información, a ausencia de resposta ás alegacións veciñais e a improvisación administrativa. En xullo de 2025 publicouse no BOP da Coruña un novo anuncio sometendo a información pública unha ampliación da subestación —que carece aínda de autorización e de proxecto definitivo—, o que o BNG cualifica como “un novo exemplo da desorde e do caos na planificación enerxética do Estado e da Xunta na Galiza”.

Nova ofensiva do BNG nas institucións

Ante esta situación, a organización nacionalista demanda ao Goberno do Estado transparencia inmediata sobre o estado actual de tramitación da subestación “SE 400/220 kV Abegondo”, así como a publicación dun calendario detallado de actuacións, prazos e pasos administrativos pendentes.

Do mesmo xeito, urxe o executivo a responder as alegacións presentadas polas entidades, veciñanza e colectivos afectados, que “permanecen sen contestar desde outubro de 2023, vulnerando o dereito á participación pública e á información ambiental”.

“O BNG denuncia que o procedemento de Abegondo é sintomático da desorde xeneralizada coa que o Estado e a Xunta están a permitir o desenvolvemento de proxectos de xeración e evacuación eléctrica, sen planificación global e sen respecto ás comunidades locais” incide o deputado do BNG. Neste sentido, Rego demanda garantías nunha planificación enerxética “transparente, racional e ordenada, que prioriceas necesidades reais da Galiza frente aos intereses económicos das grandes corporacións eléctricas, e que asegure a mínima afectación posíbel á veciñanza e ao patrimonio natural e cultural”.

A organización nacionalista defende a elaboración dun plan enerxético galego de carácter público, coordinado entre administracións e coa participación dos concellos e da cidadanía, que evite o actual modelo de “boom eólico depredador” e aposte por unha transición enerxética sustentábel, ordenada e xusta.

Néstor Rego reitera o apoio do BNG á veciñanza de Abegondo, que leva desde 2017 mobilizada contra unha infraestrutura que afectaría gravemente ao territorio, á calidade de vida e ao patrimonio común.

“Non imos permitir que se continúe a decidir sobre o territorio galego dende Madrid e en orde aos intereses das grandes empresas eléctricas, sen planificación, sen transparencia e sen respecto polas persoas que viven nos lugares afectados” conclúe odeputado do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios