O delegado territorial, Javier Arias, destacou o traballo realizado por Adislugo e o apoio do Goberno galego para “consolidar nun lustro este espazo de encontro imprescindible entre produtores, distribuidores, hostaleiros e clientes”.
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da quinta edición da feira L de Lugo, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos os vindeiros días 26 e 27 de outubro promovida pola Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo (Adislugo). No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias, e membros da entidade organizadora, encabezados polo seu presidente, Eloi García.
A Xunta impulsou a expansión desta feira, da que é a principal patrocinadora e que, segundo expuxo Arias, “experimentou un progreso firme e extraordinario desde a primeira edición”. Neste sentido, o delegado destacou que o traballo realizado por Adislugo co apoio do Goberno galego logrou “consolidar nun lustro este espazo de encontro imprescindible entre produtores, distribuidores, hostaleiros e clientes”. A feira contará este ano coa participación de máis de 200 expositores.
Ademais de achegar financiamento para a organización do evento, a Xunta está presente en L de Lugodifundindo a calidade dos produtos galegos. Así, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria proporciona produtos autóctonos e ofrecerá propostas de maridaxe de alimentos e viños en degustacións elaboradas por expertos cociñeiros. Pola súa banda, Turismo de Galicia instalará un punto informativo para invitar a explorar os demais atractivos do territorio.
O público poderá desfrutar tamén doutras experiencias gastronómicas, como a que ofrecerán as máis de 150 adegas participantes, as creacións dos baristas e dos panadeiros galegos ou as últimas tendencias en coctelería. Así mesmo, haberá catas de produtos lucenses singulares, demostracións de cociña en directo,actuacións musicais e actividades para os nenos e nenas.
O luns 27, a partir das 18.30 horas, celebrarase tamén a final do concurso para elixir a ‘Mellor hamburguesa con L de Lugo’, un certame promovido por Adislugo e a empresa Europastry, e que conta tamén coa colaboración do Goberno galego. Cinco propostas chegaron á fase final, entre elas a elaborada polos estudantes do IES Sanxillao Victoria Isabella Noguera e Luis Manuel Huertas, que competirán por alzarse co recoñecemento á mellor creación deste ano.
A feira estará aberta o domingo de 12:00 a 20:00 horas, mentres que a xornada do luns -orientada aos profesionais do sector- prolongarase ata as 21:00 horas. Haberá buses para as persoas que o desexen, con traxectos entre a Praza de Bretaña e o Pazo de Feiras.