Arias anima a utilizar os ‘Puntos Laranxa’ nos centros educativos para informar sobre posibles casos de acoso

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Xunta desenvolve un plan integral contra calquera tipo de violencia ou discriminación aos menores nas aulas ou no contorno dixital.

A Xunta de Galicia está a desenvolver o Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar 2023-2025, un conxunto de medidas dirixidas a lograr que os centros educativos “sexan espazos seguros e respectuosos para todos os alumnos e alumnas”. Así o explicou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no marco dunha visita ao IES Muralla Romana -situado na capital-, para promover o uso dos “Puntos laranxa”.

Arias explicou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional estendeu esta iniciativa a todos os centros escolares sostidos con fondos públicos. Consiste nunha caixa de correos para poder informar, de xeito anónimo, sobre calquera posible situación de acoso que sufra o interesado ou que perciba noutros compañeiros. O “Punto laranxa” ten unha imaxe perfectamente identificable e debe ser accesible para todo o alumnado, tanto a instalación física como o acceso dixital, mediante un enlace na web.

O delegado invitou a utilizar esta ferramenta, que garante o anonimato, “para trasladar condutas que atentan contra a convivencia, mesmo as que se producen a través das redes sociais e transcenden o ámbito educativo, porque poden provocar graves consecuencias”. A Xunta tamén está instalando os “Puntos laranxa” en lugares como a rede de centros do Espazo Xove ou as residencias xuvenís.

Outros recursos

Arias indicou que en xeral os centros educativos galegos presentan un bo clima de convivencia, segundo as macroenquisas que realiza periodicamente a Consellería, “pero, mentras exista un só caso, é preciso seguir traballando para erradicar calquera conduta de acoso”.

Neste sentido, sinalou que este curso púxose en marcha un novo recurso, o Termómetro Acoso Escolar, un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poden activar os docentes ante calquera sospeita para testar a situación dunha, varias ou todas as aulas.

Utilizarase nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP. Unha vez que o alumnado complete a enquisa, xerarase de forma automática un informe detallado con indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.

O Plan integral da Xunta contra o acoso escolar e o ciberacoso contempla outras iniciativas para potenciar a formación do profesorado e a participación das familias, e impulsa accións de dinamización para reforzar a cultura do respecto e a tolerancia na infancia e a adolescencia.

Ademais, o Goberno galego introduce nas aulas outros programas dirixidos a velar polo benestar emocional do alumnado, como o proxecto de prevención da conduta suicida ao que tamén está adherido o IES Muralla Romana.

Obras no IES Muralla Romana

Javier Arias aproveitou tamén a visita ao IES Muralla Romana para avaliar co equipo directivo a próxima ampliación das súas instalacións, que conta cunha partida consignada de 1 millón de euros nos Orzamentos da Xunta para 2026.

Arias indicou que esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego por seguir mellorando e modernizando os centros educativos da provincia, así como por reforzar as ensinanzas de Formación Profesional, que este curso alcanzaron un novo récord histórico de matrícula, medrando en todas as modalidades, provincias e ámbitos, tanto nas cidades como no rural.

Comparte éste artículo
No hay comentarios