O PP de Lugo lamenta que “o Goberno de Sánchez non teña previsto incrementar as achegas ao programa de termalismo do Imserso”

“O turismo termal é unha oportunidade para Lugo, non só para dinamizar o sector en tempada baixa e fixar emprego, senón tamén para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores. Pero para iso fan falta políticas serias, non improvisación nin abandono”, conclúen os populares.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- denuncian que o Goberno de Sánchez non ten previsto incrementar as achegas ao programa de termalismo social do Imserso, a pesar das recorrentes queixas sobre a suba xeneralizada de custos que afronta o sector.

A resposta do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 á pregunta formulada polos senadores populares confirma que o Executivo non contempla melloras económicas para os establecementos, limitándose a destacar un suposto “esforzo de negociación” cos balnearios durante a preparación da tempada 2025. Para Barreiro, Balseiro e Serrano, isto “é unha mostra máis do desinterese do Goberno do Estado polo turismo termal e polo benestar dos nosos maiores”.

Desde o PP lembran que o Goberno recortou o número de prazas e os días de tratamento do programa -de 11 a 9-, ao tempo que permite recargos que consideran “abusivos” para os pensionistas. “É unha cadea de agravios que prexudica tanto aos usuarios como aos balnearios, que están a traballar con marxes cada vez máis estreitas e condicións precarias”, aseguran.

Os senadores tamén poñen en valor o modelo da Xunta de Galicia co programa “Benestar en Balnearios” co que a administración autonómica achega preto do 50% do prezo da estadía por usuario, fronte ao pouco máis do 25% que aporta o Goberno central no programa estatal.

“O turismo termal é unha oportunidade para Lugo, non só para dinamizar o sector turístico en tempada baixa e fixar emprego, senón tamén para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores. Pero para iso fan falta políticas serias, non improvisación nin abandono”, conclúen os populares.

Comparte éste artículo
No hay comentarios