Plataforma Defensa da Natureza e Calidade Ambiental Arteixo: “O futuro de Arteixo e do seu litoral está en xogo”

PDNC Arteixo –Plataforma Defensa da Natureza e Calidade Ambiental Arteixo – creada fai apenas meses co obxeto de defender os intereses sociais e ambientais dos cidadadans de Arteixo , coordina a  acción de PRESENTACION DE ALEGACIONS contra a Planta de Valorización de Residuos de Carbón no Porto Exterior, e reclama unha avaliación ambiental conxunta de todos os proxectos industriais que se pretenden levar a cabo no citado recinto, e que non son os propios dunha actividade portuaria.

Diversas Asociacións Medioambientais e Veciñais, persoas no seu ambito particular, e Alternativa dos Veciños Arteixo como organización politica,   presentarán nos vindeiros dias ante a Dirección Xeral  de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia unha alegación formal solicitando a denegación da autorización ambiental integrada do proxecto promovido pola  empresa Euroash Recycling Corporation, S.L., que pretende instalar unha planta de valorización de residuos industriais no Porto Exterior da Coruña (Langosteira).

Segundo a Plataforma , o proxecto presenta unha afección severa e irreversible sobre o litoral de Arteixo, tanto desde o punto de vista ambiental como social e patrimonial, ao situarse a escasos 540 metros de núcleos habitados e en pleno ámbito da ZEPA e ZEC «Costa da Morte», espazos incluídos na Rede Natura 2000 e dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

«Non se pode permitir que o Porto Exterior, que naceu como porto refuxio, se convirta nun macropolígono industrial costeiro que destrúe o noso patrimonio natural e cultural. O impacto acumulativo destes proxectos é inasumible, e muy superior a o que poderían ter outros proxectos rexeitados pola cidadanía, como o de Altri.. “, afirman os portavoces da Plataforma.

  • Impacto acumulativo e falta de avaliación ambiental rigorosa

A alegación denuncia que o estudo de impacto ambiental da empresa non analiza os efectos sinérxicos nin acumulativos cos demais proxectos industriais en tramitación na zona —planta de hidróxeno verde, planta de amoníaco, eólica mariña , cementeras ou outras instalacións fabris — , o que vulnera o artigo 35 da Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental e a xurisprudencia do Tribunal Supremo (STS 2301/ 2018) e do TSXG (Sentenza 434/2022).

A Plataforma tamén suliña a presenza de hábitats prioritarios e especies protexidas, como o aguilucho cenizo e o falcón peregrino, e a afección a bens patrimoniais catalogados, como o Castro de Suevos (GA15005004) e o Castro de Rañobre (GA15005005), que contan coa protección da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia.

  • Privatización do dominio público e degradación paisaxística.

O documento alerta sobre a privatización efectiva do dominio público marítimo-terrestre, contraria á Lei 22/1988 de Costas, e denuncia a falta de utilidade pública duns proxectos que responden a intereses industriais privados alleos á actividade portuaria esencial.

«Non podemos aceptar que o noso litoral, un ben común, se entregue para actividades industriais alleas ao porto” . Este proxecto non é socioambietalmente sostible nin necesario», engaden os representantes veciñais.

  • A asociación solicita á Xunta de Galicia:

A suspensión cautelar da tramitación do expediente 2024-IPPC-I-165. O acceso público a todos os informes ambientais e sectoriais.

A denegación da autorización ambiental integrada da planta.

A realización dunha avaliación conxunta de todos os proxectos industriais previstos no Porto Exterior de A Coruña.

A intervención da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polos danos potenciais ao patrimonio arqueolóxico.

  • Unha chamada á responsabilidade institucional

Os firmantes reclaman ao Concello e á Xunta que prioricen a protección ambiental e a saúde pública fronte aos intereses empresariais, e que abran un proceso real de información e participación cidadá, conforme ao Convenio de Aarhus e á Lei 27/2006.

«O futuro de Arteixo e do seu litoral está en xogo. Non falamos só de paisaxe, senón da saúde, do aire que respiramos e do dereito das futuras xeracións a vivir nun entorno san», conclúen

Comparte éste artículo
No hay comentarios