Os deputados do Grupo Provincial Popular (GPP) denunciaron a «falta de coherencia e de igualdade de oportunidades» do goberno provincial (PSOE e BNG) tras rexeitar a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Paradela para arranxar accesos viarios. O proxecto, valorado en 422.325,78€, tiña como obxectivo financiar a mellora dos accesos a Mazo, Ferreira, Cerxedo, Reigañas, Santalla, Pol, Pacios e Tellada.
A crítica do GPP centrouse especificamente na figura do deputado do PSOE e concelleiro en Paradela, Iván Castro, acusándoo de «dobre moral».
O GPP sinala a grave contradición de Iván Castro, quen votou a favor no Pleno do Concello de Paradela (o 31 de xullo de 2025) para solicitar á Deputación a sinatura deste convenio; pero que, no Pleno provincial, decidiu co seu voto en contra paralizar o acordo.
O Grupo Popular defende que a negativa de PSOE e BNG «nega a igualdade de oportunidades» aos veciños de Paradela. Os deputados lembraron que as vías que dan acceso a estes núcleos de poboación «están moi deterioradas» e o Concello non dispón dos medios (materiais, económicos e persoais) para executar as obras directamente.
«O sentido común apunta a que a Deputación pode e debe colaborar mediante un convenio interadministrativo de cooperación para o financiamento, tal e como realiza con outros concellos», sinalan dende o GPP, subliñando que esta decisión demostra que ao goberno provincial non lle importa «poñer solución aos problemas dos veciños deste concello».