A Sección de Historia da Real Academia Galega inaugura o ciclo Momentos da cultura galega cunha xornada arredor dos anos de Castelao en Buenos Aires. A nova proposta comeza este mércores 5 de novembro (18 horas) cun acto no Museo de Pontevedra que afondará na etapa do intelectual no exilio de Buenos Aires -onde faleceu en xaneiro de 1950- e na súa relevancia no seu legado intelectual, político e artístico. O programa que coordina o director da Sección, Ramón Villares, contará cos relatorios do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Manoel Núñez Seixas e a directora da propio museo, Ángeles Tilve. A proxección das imaxes de Castelao na capital arxentina custodiadas pola Filmoteca de Galicia poralle o ramo ao encontro.
“A palabra momentos está bastante acreditada na historia intelectual europea. Serve para remarcar o papel que ás veces exerce nun contexto cultural determinado unha obra, outras un individuo, en ocasións unha institución”, explica Ramón Villares. “Tense falado moito, por exemplo, do momento Maquiavelo por parte dos politólogos franceses ou do momento Sartre en Francia. Para o noso caso, temos varios exemplos, e decidimos comezar por Castelao neste ano que se lle dedica, cadrando co seu 75 cabodano, porque marcou profundamente varios aspectos da cultura galega. Queremos reflexionar sobre a importancia que tivo como autor, na política do exilio e no desenvolvemento da estratexia para a construción do que el chamou a Galiza ideal”, engade o académico de número.
Ramón Villares moderará a mesa, na que o presidente da Real Academia Galega retratará o Castelao ensaísta e orador na intervención titulada De Sempre en Galiza a Alba de Gloria, en referencia ao volume que publicou en Buenos Aires no ano 1944 e o derradeiro discurso público que pronunciou tamén na capital porteña o 25 de xullo de 1948. Ángeles Tilve falará d’As cruces de pedra na Galiza, un estudo que iniciara nos anos 20 e que rematou ao outro lado do Atlántico, e que significa “o cumio do Castelao investigador”; e o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas pronunciará o relatorio Castelao e a construción da «Galiza ideal» no exilio (1940-1950).
A Real Academia Galega organiza Momentos da cultura galega. Castelao en Buenos Aires coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra. A xornada, de entrada libre, poderase seguir ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
Castelao na Academia
Con esta iniciativa a RAG continúa a celebrar o Ano Castelao. O pasado 7 de xaneiro, día do seu pasamento, abriu o sitio web Castelao na Academia (academia.gal/ano-castelao), un espazo para achegar ao público xeral a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea, membro de número da institución. Mentres Castelao viviu no obrigado desterro, a Academia non declarou vacante a súa cadeira, en recoñecemento ao seu legado e á súa significación. Tras o seu pasamento, conservou viva a súa memoria e neste Ano Castelao volve poñer o foco no seu pensamento.
O sitio web de Castelao consta de dúas seccións. En “Castelao na RAG” preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. Na outra sección, “Pezas destacadas”, membros da RAG e outros especialistas presentan cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao.