Durante a realización de obras nas vías forestais levadas a cabo polo Concello da Estrada xunto co Servizo de Prevención de Incendios de Pontevedra nas parroquia de Souto e Codeseda (A Estrada) e límites con Cerdedo-Cotobade (1), estanse vendo afectados de xeito grave unha serie de valores naturais e patrimoniais moi relevantes no ámbito autonómico.
O ensanche e apertura de novos viais, xa provocou a eliminación ou perturbación de exemplares de 5 especies de flora ameazadas, entre elas encóntrase a Lycopodiella inundata, un raro fieito en perigo de extinción que ten nesta zona a maior poboación galega da especie. Tamén houbo un impacto importante nas poboacións de Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis e Narcissus cyclamineus, dúas especies bulbosas que se viron directamente afectadas polos cortes no terreo. Por último, tamén se están vendo afectadas dúas especies de briófitas ameazadas Sphagnum pylaesii e Fuscocephaloziopsis connivens, debido ás alteracións sufridas no seu fráxil ecosistema, as brañas.
Por outra banda, tamén se viron danados Hábitats de Interese Comunitario, entre eles dous considerados prioritarios pola Directiva Hábitats (Normativa da Unión Europea creada en 1992 para protexer a biodiversidade europea mediante a conservación os hábitats naturais e as especies de fauna e flora silvestres). Estes dous hábitats prioritarios son as turbeiras altas activas e os Queirogais húmidos atlánticos de E.tetralix e E. ciliaris, os cales se viron seriamente afectados ao ser atravesados pola maquinaria. Estes dous hábitats teñen moi pouca resiliencia ante as alteracións, máis aínda cando esas alteracións afectan ao nivel freático como sucede neste caso. Cabe destacar que estes lugares son o refuxio de moitas especies ameazadas como a Lycopodiella inundata ou a Littorella uniflora, que conta nun destes brezais cunha das cinco poboacións que se coñecen actualmente en Galicia.
As actuacións denunciadas, leváronse a cabo sobre varias Zonas Húmidas incluídas no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia (2), así como en varios nacentes de regatos tributarios do río Umia.




“Cando a prevención mal plantexada, fai máis mal que ben”
As obras realizadas, que ademais de movementos de terras inclúen a instalación de tubaxes, provocan o efecto contrario á prevención de incendios, pois o que están facendo é drenar e como consecuencia secar as brañas afectadas, que son ecosistemas que de xeito natural funcionan como almacéns de auga durante todo o ano. Con estas actuacións, o vindeiro verán esta zona estará máis seca, polo tanto, máis susceptible de arder. As propias brañas xa son devasas naturais, polo tanto, cando este tipo de infraestruturas se fan sen planificación e análise previa do territorio poden provocar efectos adversos, coma neste caso.
As brañas ou zonas húmidas son un ecosistema moi característico de Galicia porque dado o tipo de chan que temos, son o almacén natural de auga, teñen o efecto esponxa, e son as que dan auga aos nosos ríos, regatos e mananciais de moitas traídas. Son polo tanto espazos moi importantes que se deben protexer, xa que de cara ás vindeiras secas son unha peza chave no sistema hídrico das nosas aldeas.
Patrimonio Cultural afectado
Se con isto non fose suficiente, realizáronse traballos en contornos de protección de elementos patrimoniais como mámoas e petróglifos, con intervencións con maquinaria pesada a escasos metros do destacado Petróglifo de Chan de Lamas, no que se representa un gran cervo que é único no Concello da Estrada e moi peculiar en comparación a outros petróglifos galegos (3). Tamén se derrubaron muros de pedra en seco, os cales son recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
A isto engádese que é precisamente neste ecosistema danado no que teñen parte do seu hábitat as bestas da Rapa das bestas de Sabucedo, declarada Ben de Interese Cultural, sendo o espazo por onde se desenvolve parte da celebración, a Baixa.
Solicítase acceso ás autorizacións destas obras e a paralización das mesmas
Ante estas obras executadas con tan pouco criterio, e os danos que ocasionaron e están ocasionando ao patrimonio natural e cultural, solicitouse a distintos organismos, entre eles aos promotores, as autorizacións precisas para levalas a cabo e a documentación relativa ao proxecto.
Do mesmo xeito pídese a paralización destas obras e a restauracións destes ecosistemas naturais tan prezados e necesario para a mitigación do cambio climático e as futuras secas, así como a salvagarda das especies botánicas protexidas.