Henrique Monteagudo celebra a creación deste órgano, que lle dá entrada, xunto a representantes da Administración Xeral do Estado, ás comunidades autónomas e ás academias das linguas co ánimo de funcionar como un foro de intercambio de información e de diálogo.
O presidente da Real Academia Galega participou este luns en Donostia na reunión constitutiva do Consello das Linguas Oficiais, onde esta mañá asiste a unha xornada sobre o proxecto ILENIA para o impulso das linguas cooficiais na intelixencia artificial. Henrique Monteagudo celebra asubstitución do antigo Consello das Linguas da Administración Xeral do Estado por este novo órgano que incorpora voceiros dos gobernos de comunidades autónomas con lingua propia, entre elas Galicia, e lles dá tamén entrada ás academias das distintas linguas como entidades convidadas. O presidente da RAG reivindicou na súa primeira xuntanza a galeguidade das falas estremeiras de Asturias e solicitou que se axilice a incorporación do galego á oferta infantil de RTVE.
“A RAG confía en que este novo consello contribúa a avanzar no respecto e na promoción de todas as linguas cooficiais, ao reforzamento de España como un estado que aposta pola diversidade lingüísitica e cultural”, expresa o presidente da RAG. Entre outras funcións, o real decreto que o regula establece que o Consello das Linguas Oficiais debe servir de foro de debate no que as distintas administracións con competencias en materia de linguas oficiais poidan propoñer cuestión relativas ás mesmas, estudar a súa situación e impulsar a aplicación e o seguimento dos compromisos adquiridos por España no marco da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa.
A preparación do novo informe sobre o cumprimento de Carta foi precisamente un dos puntos da orde do día da sesión, na que tamén se falou sobre o fomento das linguas cooficiais desde os medios de comunicación. Na súa intervención, Henrique Monteagudo solicitou que se axilice a incorporación do galego á oferta de RTVE, de maneira especial naquela dirixida ao público infantil a través de Clan TV. A representación do ente público confirmou que, tal como se anunciara o pasado mes de xaneiro, se está a traballar para cumprir con este compromiso que constitúe unha contribución ben relevante para frear a perda de galegofalantes nos primeiros anos de vida e que os nenos e nenas castelanfalantes se familiaricen coa lingua propia de Galicia.
A Academia lembra que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, aprobada en xullo de 2022, contempla o fomento da incorporación aos catálogos de contenidos audiovisuais dos prestadores deste servizos de produtos dobrados ou subtitulados ás linguas cooficiais, “prestando especial atención a contidos audiovisuais dirixidos ao público infantil ata osdoce años”.
O reto da incorporación plena das linguas cooficiais á intelixencia artificial foi outro dos asuntos tratado na sesión constitutiva do Consello das Linguas Oficiais. Repasouse ademais a situación das páxinas web da Administración Xeral do Estado e dos organimos dependentes ou vinculados.