ADEGA recorre no Supremo a sentenza que desestima a paralización das obras do proxecto eólico Acibal

O voto particular do maxistrado Luís Villares pulaba por manter a paralización ante os evidentes signos de destrución e deterioro grave de formacións rochosas.

ADEGA vén de presentar Recurso de Casación ante o Tribunal Supremo fronte a sentenza do 6 de abril, da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, pola que se desestima o Recurso Contencioso-Administrativo interposto pola asociación ecoloxista contra a inactividade da Xunta de Galiza en canto á protección dos elementos do patrimonio cultural aparecidos no decurso das obras do proxecto eólico Acibal, promovido por Norvento S.L., nos termos municipais de Barro, Campo Lameiro e Moraña.

A sentenza do TSXG recorrida, malia a reprobar de xeito contundente a actitude “reactiva” da Xunta diante das reiteradas denuncias do Seprona e da veciñanza ao respecto da aparición de ditos achédegos, desestimou a demanda de ADEGA por considerar que a vía procesual escollida pola demandante -a vía de feito- non fora a pertinente. Este aspecto foi rebatido de plano, e en base á xurisprudencia do propio Tribunal Supremo, no voto particular formulado por un dos maxistrados integrantes da Sala, Luis Villares, quen mantén que a demanda “se debería ter acollido polo tribunal na súa totalidade” ante os “signos evidentes de destrución e deterioro grave das formacións rochosas” afectadas polas obras e documentadas pola veciñanza.

Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA, indicou en rolda de prensa que o escrito de preparación do recurso de casación fundaméntase nesa mesma xurisprudencia, na que se acredita a concorrencia dunha vía de feito parcial derivada da pasividade da Xunta de Galiza a respecto das súa obrigas legais de protección do patrimonio. Esta vía procesual é a recollida polo artigo 100 da Lei galega de Patrimonio Cultural que faculta á Administración a ordear a paralización inmediata das obras por un prazo de dous meses ante a sospeita da existencia de xacementos. O recurso de casación tamén argumenta, sobre xurisprudencia consolidada do Alto Tribunal, que a alternativa procesual identificada na Sentenza como axeitada para reaccionar fronte a dita pasividade non se axusta a Dereito.

Por outra banda, advirte Rodríguez que, de chegar a consolidarse a absoluta pasividade administrativa como criterio fronte a aparición de novos achádegos arqueolóxicos no contexto da execución de proxectos industriais, conlevaría unha gravísima diminución da protección cultural e ambiental, contraria ao interese xeral, que podería chegar a afectar a un inmenso número de situacións e que viría a desnaturalizar a finalidade propia das avaliacións ambientais legalmente esixidas para a execución de proxectos e plans.

A destrución de patrimonio pola pasividade da Xunta non pode converterse en norma nin quedar impune

Pola súa banda, Patricia Gamallo, representante da Asociación A.C.I.B.A.L, destaca o constante desprezo e indiferencia manifestados pola Xunta de Galiza ante a presentación de probas documentais e informes elaborados por expertos en patrimonio sobre a aparición de achádegos arqueolóxicos no transcurso das obras de Norvento que non foron contemplados na avaliación de impacto ambiental: “Se non chega a ser polas veciñas e veciños de Amil, moito dese patrimonio considerado B.I.C. -Ben de Interese Cultural- tería desaparecido. Foi a veciñanza, e non a Xunta, a que protexeu este patrimonio, polo que existiu unha neglixencia evidente por parte da Administración pola que debe ser condenada”.

Estes achádegos descubertos pola veciñanza, e verificados por especialistas no ámbito do patrimonio cultural, poñen en evidencia tanto as deficiencias da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto eólico Acibal como a falta de vixilancia das obras por parte da Xunta.

Por outra parte, advirte da incoherencia manifestada no fallo xudicial de que se desboten como proba pericial os informes achegados pola demandante e, mesmo, os informes do Seprona que alertaban sobre os danos a xacementos arqueolóxicos, e que por outro lado, se consideren “independentes” os achegados polos arqueólogos contratados pola empresa promotora.

Tanto ADEGA como a Asociación ACIBAL reclaman á Xunta que impida á empresa retomar as obras do proxecto eólico mentres non se coñeza o fallo do Alto Tribunal en aras de protexer o patrimonio ameazado.

Coa impugnación en casación da Sentenza de Acibal, ADEGA pretende que se revogue a decisión xudicial e que se dite unha sentenza que non se limite a reprobar a actitude pasiva da Xunta e a manifestar a dignidade do que se demanda, senón que condene á Administración por ter permitido a destrución de patrimonio ao non exercer as súas competencias de vixilancia, e polo seu recorrente desprezo ambiental fronte aos intereses privados das empresas promotoras de proxectos eólicos.

Sentenza: 

https://drive.google.com/file/d/1EuWDG9C4L5lk2emHigCzOXqbGu6wDULf/view?usp=sharing
Comparte éste artículo
No hay comentarios