O persoal civil empregado no Ministerio de Defensa en Ferrol está composto por uns 500 traballadores e traballadoras, -persoal de réximes laboral, funcionario ou estatutario-, que exercen diferentes funcións que van desde o mantemento das instalacións e embarcacións militares, pasando polo administrativo, docente nas escolas de Especialidades, sanitario ou de enxeñaría como o desenvolvemento tecnolóxico e de inspección de construccións militares.
Este colectivo leva meses mobilizándose en demanda de melloras salariais, realizando asembleas no interior do Arsenal de Ferrol e concentrándose às súas portas.
O detonante que motivou o inicio destas mobilizacións foi que o Ministerio de Defensa incorreu nun grave feito discriminatorio ao aumentar os salarios da parte militar do seu cadro de persoal e deixando excluída desta mellora à parte civil.
Esta situación agravouse ultimamente coa decisión do Ministerio de incorrer nunha nova discriminación, desta vez entre o propio persoal civil, aprobando unha mellora salarial para o persoal laboral e deixando excluidos ao persoal funcionario e estatutario desta suba.
Por este motivo, a Asemblea do Persoal Civil do Ministerio de Defensa en Ferrol, que reúne diferentes sensibilidades sindicais, e demáis persoal mobilizado e concienciado contra esta inxustiza, decidiu dar un paso máis no nivel das mobilizacións e aprobou convocar unha manifestación para o xoves 13 de novembro en Ferrol. A manifestación sairá às 11h da porta do Parque do Arsenal e terá como remate o edificio de Facenda en Esteiro.
O obxectivo desta manifestación é visibilizar publicamente nas rúas da cidade que as decisións ministeriais lonxe de procurar unha solución, agravan aínda máis unha situación a todas luces discriminatoria.
Como parte da preparación desta manifestación, e co obxectivo de visibilizar o apoio social às demandas de mellora salarial deste colectivo, a Asemblea do Persoal Civil do Ministerio de Defensa en Ferrol organizará un acto público na porta principal de Navantia (a porta da rúa Taxonera) o xoves 6 de novembro às 11h, no que se escenificará o apoio do Comité de empresa de Navantia Ferrol e outros Comités de empresas da industria auxiliar que traballan habitualmente na parte militar do estaleiro.
Desta maneira manifestarase a solidariedade entre traballadores e traballadoras, do ámbito público e privado, do sector naval que comparten lugar de traballo no estaleiro de Ferrol.