A deputada socialista Patricia Iglesias advertiu hoxe do «clientelismo de amiguetes» que, segundo denuncia o PSdeG, practica sistematicamente o Partido Popular desde a Xunta de Galicia. A parlamentaria censurou o «uso sistemático de convenios de concesión directa de axudas públicas, sen criterios obxectivos de reparto», unha práctica que, para o PSdeG, responde a unha «estratexia de caciquismo» que supón un grave problema para a calidade democrática en Galicia.
Axudas concedidas a dedo
Nunha contundente intervención en comisión parlamentaria, Iglesias puxo sobre a mesa datos preocupantes extraídos do último informe anual do Consello de Contas. O informe sinala que as subvencións resoltas mediante concesión directa «representan o 52 % do gasto en transferencias da Xunta».
«Ese dato revela por si só a magnitude do fenómeno», remarcou Iglesias, quen cualificou de «inadmisible» que o PP actúe coma se a Administración autonómica fose da súa pertenza, «nun fenómeno de simbiose que pode confundir aos populares».
Ademais, a deputada alertou de que a contratación sen concorrencia, ou con concorrencia limitada, acada o 20,11 % do total, mentres que os contratos menores supoñen 81,2 millóns de euros só nesa figura.
Patricia Iglesias advertiu que cando se saltan os criterios obxectivos no reparto de fondos públicos, «perdese a igualdade de oportunidades entre concellos e entidades». Nese sentido, censurou que as axudas se usen «como instrumento para obter réditos electorais», conectando de forma directa «mocións de censura e mercadeo político».
A deputada afirmou que existe «unha ofensiva do PP para gañar gobernos municipais pactando con edís tránsfugas». Unha vez que se materializan os cambios de alcaldía en favor de candidatos populares, «de repente, desbloquéanse por parte do Goberno galego infraestruturas prioritarias para os concellos que antes estaban paralizadas», denunciou.
Como exemplos desta estratexia, a deputada citou:
- Uso partidista de organismos públicos, como a Axencia de Turismo de Galicia, para repartir fondos entre entidades de Lugo para favorecer os intereses da presidenta provincial do partido.
- Xestión de Augas de Galicia: Dedica tres cuartas partes da recadación do canon da auga a actuacións exclusivas en concellos gobernados polo Partido Popular.