O salón galego do videoxogo ‘Píxel á Feira’ xunta a máis de 3.000 persoas en Santiago na súa primeira edición

‘Píxel á Feira’ pechou o domingo a súa primeira edición consolidándose como un novo punto de encontro para creadoras, profesionais e público arredor do videoxogo feito en Galicia e en galego.

Píxel á Feira clausurou onte a súa primeira edición cun éxito rotundo de participación, ao reunir máis de 3.000 persoas nos dous días do evento no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Organizado pola Deputación da Coruña, o salón galego do videoxogo convertiu durante dous días á capital galega na referencia neste ámbito, con máis de cincuenta proxectos creados en Galicia e unha intensa programación de actividades abertas ao público.

Iago Gordillo, comisario de ‘Píxel á Feira’, amosouse moi satisfeito coa boa acollida tanto do público como das persoas participantes na Zona Interactiva, onde todas as propostas contaron en todo momento cun fluxo constante de xente. Sinalou que o “evento permitiu celebrar as distintas formas de entender o videoxogo e confirmou a necesidade de crear espazos de encontro estables nos que construír unha industria sólida en Galicia”. Destacou tamén o carácter interxeracional do salón, que uniu persoas de varias xeracións arredor do lecer dixital: “Foi moi emocionante ver a pais e crianzas compartir momentos de xogo con obras e máquinas que marcaron épocas distintas e que agora son un punto de descuberta e unión”.

O evento naceu coa vontade de ser un punto de encontro entre profesionais, creadoras e creadores, público afeccionado e institucións, ademais dunha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego. O éxito de público e a alta participación fan do evento o maior escaparate do videoxogo galego e confirman o bo momento dun sector en crecemento, diverso e comprometido coa lingua e coa innovación.

Cincuenta proxectos galegos e unha resposta masiva do público
Durante toda a fin de semana, as persoas asistentes puideron descubrir videoxogos históricos, proxectos universitarios, propostas independentes e novas creacións que ofrecen unha panorámica completa da industria galega. A exposición do MUVI –Museo do Videoxogo de Galicia– foi un dos espazos máis visitados, con vinte e dúas pezas emblemáticas da historia do sector, como The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego, ou O misterio das 7 pezas, pioneiro en lingua galega.

Zona Interactiva -cunha ampla selección de máquinas recreativas retro- e a Zona Arcade acolleron unha actividade constante, con torneos abertos de títulos como Mario Kart 8 DXStreet Fighter 6 ou Tetris, ademais de máquinas orixinais como Daytona USA (1993), que espertaron a curiosidade do público.

Premios ao talento galego
O sábado celebrouse a gala do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que distinguiu o traballo de creadoras e creadores galegos. Numbra, de DigiPen Europe-Bilbao, recibiu o premio ao Mellor Videoxogo; Cartas á Lúa (Mail to the Moon), de Michiños Fofiños, ao Mellor Apartado Artístico; e Basureroes: Invasion, de Javs Game Studios, ás Mellores Mecánicas.

Debate, humor e identidade
A segunda xornada, celebrada o domingo, estivo marcada polos debates arredor da educación, a lingua e o territorio como eixos de futuro. Profesionais como Paula Rodríguez, Isi Cano, Sara Cubelos, Violeta Moldes, Víctor Justo e Armesto 3D analizaron o papel do videoxogo como ferramenta pedagóxica e cultural. Pola tarde, o público gozou co podcast en directo de Exército Mekemeke, o espectáculo Impro Gamer das Reinas Malas e o trivial musical Gamesong, que puxo o broche final á programación.

Un espazo para a comunidade creadora galega
Escenario DLC, nacido dunha convocatoria aberta á comunidade, acolleu proxectos e obradoiros de TomotoadO Demo Game JamMelgo CinemaAruma StudiosWidijou e moitas outras iniciativas que amosaron a profesionalidade e a diversidade da escena galega.

Foto portada: @leolopezfoto 

Comparte éste artículo
No hay comentarios