A Deputación da Coruña presenta o ciclo Tándem, unha programación que conecta a creación musical galega con propostas de vangarda da Península

O ciclo levará ao Teatro Colón en outubro catro concertos con artistas como Niño de Elche, Mercedes Peón, Clara Peya, Chicharrón ou A Pedreira que ofrecerán propostas únicas en colaboración con outros, fusiondo estilos e conceptos.

Artistas e formacións galegas e creadoras e grupos de referencia doutras partes da Península daranse cita en cantro encontros musicais na Coruña dentro do Ciclo Tándem, organizado pola área de cultura da Deputación da Coruña. A presentación do ciclo tivo lugar esta mañá no Teatro Colón, que acollerá os concertos do ciclo, e nela participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e as artistas Ugia Pedreira e María José Pámpano, de Gallaecia Ensemble Barroco.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que “Tándem nace coa vontade de xerar encontros entre creadoras, linguaxes e territorios diferentes”. Sinalou que, desde as administracións públicas, “podemos e debemos asumir riscos para ofrecer propostas como esta, innovadoras e que están fora dos circuitos convencionais”. Neste sentido, González puxo o foco no “valor da creación galega” e, sobre todo, “na súa capacidade para dialogar con outras escenas da Península” e pola “capacidade creativa e experimental das artistas do noso país”.

Programación

O ciclo comezará o 3 de outubro con Niño de Elche nunha proposta que leva a súa afrenta contra as ortodoxias ao terreo medieval. Apoiado pola Gallaecia Ensemble Barroco, ofrecerá unha viaxe de emocións fortes que promete converterse nun momento histórico.

O 4 de outubro será a quenda de Chicharrón e Sara Zozaya, nun encontro entre a intensidade pop atlántica da formación galega e o pop ambient da artista vasca.

O programa continuará o 18 de outubro con Mercedes Peón e a catalá Clara Peya, dúas creadoras que cruzarán os seus particulares universos musicais nunha proposta que combina tradición, experimentación e novas linguaxes, borrando a procedencia xeográfica de ambas polo camiño.

O ciclo pecharase o 25 de outubro coa pulsión experimental de A Pedreira e un dos grupos máis relevantes do pop portugués dos últimos anos, Beautify Junkyards. Neste cruce de camiños, A Pedreira representará a verbalización da condición lusófona da música galega.

As entradas poden retirarse na páxina web ataquilla.gal

Comparte éste artículo
No hay comentarios