Rego reclamará ao Goberno a intervención pública de Alcoa

Na vindeira cuarta feira, Néstor Rego participará na sesión de control ao Goberno do Estado para exixir actuacións contundentes ante o incumprimento do Acordo de Viabilidade por parte de Alcoa.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participará na vindeira sesión de control ao Goberno do Estado que se realizará na cámara baixa esta cuarta feira, 12 de novembro, para reclamar o compromiso do executivo co obxectivo de que se manteña a actividade e a totalidade dos postos de traballo en Alcoa San Cibrao. Néstor Rego sinalará que, ante os incumprimentos por parte da empresa, a única solución posíbel é a intervención pública, tal e como veñen reclamando as persoas traballadoras, sindicatos e o propio BNG desde hai tempo.

Néstor Rego preguntará a Jordi Hereu que é o que está a facer o Ministerio para garantir que se cumpra a totalidade do Acordo asinado por Alcoa San Cibrao cos traballadores e traballadoras, asinado en 2021 e modificado en 2023. “Resulta incomprensíbel que, a pesar do incumprimento fragrante, o Ministerio teña asinado –conxuntamente co goberno da Xunta de Galiza- un memorando de entendemento que é secreto e non está a garantir nin a continuidade da actividade de alumina e aluminio na Mariña, nin a mantemento da totalidade dos postos de traballo” subliña o deputado nacionalista.

“Queremos que o Ministerio de Industria actúe para obrigar a empresa a cumprir especialmente en dous elementos centrais: rearrancar a totalidade das cubas de electrólise, porque a día de hoxe están operando só 183 do total de 512; ademais, cumprir o compromiso para a construción dun novo forno de cocción de ánodos cun investimento a redor de 100 millóns de euros e que a empresa foi sistematicamente adiando” engade Rego.

Para a organización nacionalista, as constantes declaracións por parte de Alcoa poñen en cuestión a continuidade da actividade da planta na Mariña. Tanto traballadores e traballadoras, como sindicatos e o propio BNG entenden que a única solución “é a intervención pública da empresa por parte do Goberno, a través da SEPI”. Esta operación, engade o deputado do BNG, pode ser incluso de maneira temporal até que se poida traspasala a un operador que teña un proxecto industrial fiábel, solvente e de futuro co obxectivo de manter a totalidade dos postos de traballo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios