O I Convenio de INSUIÑA (NOVA PESCANOVA), asinado por CCOO, garante unha mellora sen precedentes nas condicións laborais

Na reunión celebrada o día 12 de novembro de 2025, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, CCOO de Industria asinou o I Convenio Colectivo de INSUIÑA, S.L., que terá unha vixencia de catro anos (2024-2027), e que recolle unha subida salarial do 5% durante este período, con incrementos salariais progresivos: 0,5% en 2025; 2,5% en 2026; 2% en 2027, estes incrementos serán adicionais aos aplicados polo Convenio Colectivo estatal para a acuicultura (6%), 3% en 2024 e 3% en 2025. No convenio establécese unha cláusula de garantía salarial, con revisión de ata o 1%, por encima do 1% aplicarase un 75% adicional do diferencial do IPC. Ademais, abonarase unha paga lineal de 300 € en 2025.
O convenio rubricado mellora substancialmente as condicións laborais das persoas traballadoras da empresa INSUIÑA, e séguese mantendo subsidiariamente o Convenio Sectorial (Estatal de Acuicultura) como referencia marco. O acordo asínase tras alcanzar un preacordo no AGA (Acordou Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo), o día 10 de xullo de 2025, con papel determinante de CCOO Industria. O preacordo foi ratificado, polas persoas traballadoras, en ASEMBLEA o pasado 14 de xullo de 2025, contando co voto favorable do 80% do persoal.
O novo texto incorpora un total de dezaseis horas de redución de xornada; que diminuirán en doce horas en 2025; e outras catro adicionais en 2026, quedando a xornada en 1736 horas anuais; cunha pausa de 15 minutos que terá a consideración de tempo de traballo efectivo. As vacacións serán de 30 días naturais de vacacións, e os días 24 e 31 de decembro terán con carácter xeral a consideración de non laborable, só traballase o persoal mínimo para o mantemento das instalacións, sendo retribuídos como días festivos, conforme as contías establecidas para cada ano no plus de domingos e festivos. Tamén se retribuirán as noites do 24 e 31 de decembro cun complemento de nocturnidade específico para eses días.
Mellórase de forma progresiva o plus de domingos e festivos, e o complemento de nocturnidade
incrementa en máis dun 100%, pasando a ser de 16 €/noite en 2025.
Fíxase unha paga de beneficios vinculada aos resultados anuais da empresa, e un
fondo social de 15.000 €, incrementan todas as contías do seguro de vida e invalidez, melloras no plus de dispoñibilidade, e a imprementación do complemento de quenda , así como incrementos nas locomocións.

Cabe destacar a mellora en permisos retribuídos, así como a adaptación dos permisos ás modificacións lexislativas. Mellórase a excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo.

Establécese un novo cadro de grupos profesionais e niveis, procedéndose á reclasificación do persoal, o que supón que impulsa a reclasificación a niveis superiores de 8 de cada 10 persoas traballadoras.

As medidas acordadas tamén contemplan a ampliación dos factores de risco nos recoñecementos médicos; xubilación parcial (contrato substitución); unha axuda para descendentes menores con discapacidade; posta en marcha de protocolos LGTBI, traballo a distancia e desconexión dixital.
A nosa valoración

Para CCOO Industria Galicia a valoración do acordo é positiva, este resultado é froito da acción sindical, a negociación e do diálogo: consolida dereitos, avanza en conciliación e seguridade.
Sobre a empresa INSUIÑA, S.L.

  • O persoal de INSUIÑA, compóñena un total de 170 traballadores e traballadoras. 
  • A representatividade na empresa INSUIÑA, S.L., corresponde aos sindicatos CCOO Industria e a CIG, estando constituída a Comisión Negociadora pola representación legal das persoas traballadoras destas organizacións.
  • A empresa INSUIÑA, do Grupo Nova Pescanova, é pioneira en España no cultivo de Rodaballo e líder en produción acuícola desta especie no mundo. 
  • Conta con tres centros de traballo, a planta de produción de Xove (Lugo), a hatchery de Mougás-Oia (Pontevedra), e as oficinas centrais de Chapela-Redondela (Pontevedra), Insuiña comezou a súa actividade na localidade pontevedresa do Grove , converténdose nun referente na Acuicultura Internacional.
Comparte éste artículo
No hay comentarios