No Día do Prematuro, o CPLGA advirte de que, sen logopedistas, os bebés prematuros parten en desvantaxe desde os seus primeiros días de vida
Cada ano, arredor de 500 familias galegas vense afectadas por un parto prematuro. Se non se tratan a tempo, as dificultades dos naipelos que nacen antes das 37 semanas de xestación marcarán as súas vidas. Os problemas de succión e deglutición que non se aborden de forma temperá e coa máxima eficacia comprometerán a nutrición, a lactación e o desenvolvemento comunicativo futuro.
Alba Canay, vocal del Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia
O Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia (CPLGA) reclama, con motivo do Día Mundial do Prematuro, que se celebra mañá 17 de novembro, que a avaliación e a intervención logopédicas formen parte da rutina das unidades neonatais dos hospitales públicos de Galicia.
Nos hospitais galegos, a atención logopédica a prematuros/as é case inexistente. “En Galicia non é frecuente a presenza de logopedistas nas unidades neonatais ou nas UCIN (Unidade de Coidados Intensivos Neonatais). Nalgúns hospitais como o Cunqueiro ou o Provincial de Pontevedra, as compañeiras traballan con bebés ingresados dende hai tempo. Pero, por exemplo, no Clínico de Santiago estamos tres e non recibimos peticións para valoralos, aínda que iriamos encantadas. Eu fun dúas veces contadas á UCIN, pero porque dependo de Otorrinolaringoloxía e o neno fora visto antes no servizo”, explica Diana Gándara, presidenta do CPLGA e logopedista no CHUS.
“Na Guía de Saúde Infantil para Pediatría de Atención Primaria publicada polo Sergas, recoméndase a derivación dos nenos e nenas pretermo, menores de 32 semanas ou de 1.500 gramos de peso, ás unidades de Atención Temperá Hospitalaria xa na primeira revisión que se lles realice despois da alta. En teoría, todos eses nenos e nenas deberían recibir atención logopédica se a precisaren, pero a realidade non é esa”, conta Javier Bueno, logopedista no Hospital Álvaro Cunqueiro e vicepresidente do CPLGA.
A evidencia científica respalda a intervención logopédica. “Os e as bebés poden sufrir riscos evitables no desenvolvemento neurolóxico, motor e cognitivo. Pola contra, os beneficios incluén melloras evidentes na alimentación mediante a coordinación da succión, deglutición e respiración, o que facilita o paso da alimentación por sonda á lactación, mesmo á lactación materna nos casos nos que é posible e é o desexo da nai. Ademais, a estimulación logopédica temperá ten un impacto positivo tamén na comunicación e no desenvolvemento da linguaxe”, sinala Bueno.
Cristina Fernández, logopedista no CHUS e secretaria do CPLGA, aclara que “ás veces o noso traballo é simplemente avaliar e asesorar ao persoal que se ocupa da alimentación do e da bebé e ás familias. En ocasións, só podes estar presente durante unha toma ao día, pero un asesoramento axeitado produce enormes avances en pouco tempo”.
A intervención precoz das logopedistas axuda tamén a empoderar as familias para continuar co coidado no domicilio. “Proporcionamos aos pais e ás nais unha serie de ferramentas para participar activamente na estimulación do e da bebé, mesmo despois da alta. As familias merecen sentirse moi arroupadas por todas as profesionais sanitarias. Para eles, é fundamental a revisión e a intervención ambulatoria das logopedistas”, comenta Javier Bueno.