Movemento Veciñal de Touro: a gran farsa que enganou á veciñanza

O Movemento Veciñal de Touro é o mellor exemplo de como un grupo que se vendeu como salvador da veciñanza pode acabar convertido nunha caricatura grotesca de si mesmo. Prometeron defender ao pobo, prometeron enfrontarse aos poderosos, prometeron loitar “ata o final” contra a mina. E hoxe, vistos con perspectiva, só deixan atrás un rastro de decepción, manipulación e covardía política.

Presentáronse como heroes de feira, berrando máis forte do que pensaban, facendo dos plenos un escenario e da indignación un espectáculo. E cando a veciñanza —enganada, ilusionada, esperanzada— lles deu o poder, demostraron que detrás do ruído non había nada. Só ambición, improvisación e unha valentía que se lles evaporou en canto cruzaron a porta do despacho da alcaldía.

Do activismo inflamado pasaron á complicidade silenciosa. O mesmo Movemento Veciñal que prometía frear a mina “custo o que custe” foi o que, xa no goberno, decidiu non recurrir a súa declaración como proxecto estratéxico pola Xunta. Unha decisión que, doutra formación calquera, converterían nun escándalo monumental. Pero cando lles tocou a eles, calaron. E con ese silencio, traizoaron á xente que os puxera aí.

A súa cobardía institucional fixo historia: negáronse a personarse nos procedementos xudiciais polas desfeitas da mina e non puxeron un só euro municipal para defender aquello que vendían como sagrado. Aquel discurso inflamado dos medios desapareceu. A indignación convertiuse en indolencia. E a veciñanza, a que eles dicían representar, quedou abandonada.

Agora, fóra do poder e loitando desesperadamente por non desaparecer, recorren ao que sempre dominaron: o bulo, a mentira e o medo. Queren facer crer que o novo goberno favorece a mina por aumentar a captación municipal de auga. Un argumento ridículo que insulta a intelixencia de quen o escoita. Sobre todo vindo deles, que deixaron Touro sen auga nun verán que pasará á historia pola súa incompetencia.

Calan —porque lles convén— que o consumo municipal multiplicouse en poucos anos. Calan que unha industria agroalimentaria clave para o concello duplicará o seu consumo para manter empregos. Calan que hai ducias de granxas que necesitan garantías de abastecemento para non volver pasar pola vergoña de que lles pidan consumir menos en pleno verán, como fixo o seu goberno.
E calan —este detalle é delirante— que a propietaria dos terreos mineiros ten unha concesión de auga no Lañas dende o século pasado. Pero buscan que a veciñanza crea que unha obra municipal, necesaria e lóxica, é “para a mina”. É un insulto directo, descarado e consciente. Un acto de cinismo puro.

Movemento Veciñal xa non é movemento nin é veciñal. É un grupo residual, irrelevante, reducido a unha maquinaria de propaganda que insiste en manipular aos mesmos veciños que utilizou para escalar ao poder. A verdade non lles importa. A responsabilidade tampouco. O único que buscan é sobrevivir politicamente, aínda que sexa pisando a dignidade da xente que antes dicían defender.

Mentres eles se afogan no barro que crearon, o concello actúa. A concellería de Medio Ambiente porá a disposición da veciñanza os escritos de personación para non deixar a ninguén atrás, mesmo a quen perdeu prazos pola incompetencia doutras administracións. Ademais, contratouse unha das mellores asesoras ambientais do país, Ana Barreira, para defender con rigor o que antes só se defendía con berros.

Esa é a gran diferenza: hoxe hai feitos onde antes só había ruído.
E iso é o que realmente destrúe ao Movemento Veciñal: a evidencia dolorosa de que, cando tiveron o poder, non fixeron nada do que prometeron.
A veciñanza merece saber a verdade. Merece saber que foron enganados, manipulados e usados.
E merece, dunha vez por todas, deixar atrás a farsa dun movemento que nunca estivo á altura da palabra que levaba no seu nome.

Comparte éste artículo
No hay comentarios