“Atraco á cidadanía en Tordoia”: UCIN denuncia unha subida salarial do 46 % para o concelleiro de Obras sen incrementar a súa xornada

Silvia Gómez Gómez, concelleira de UCIN Tordoia, amosou o seu rexeitamento frontal á importante subida salarial aprobada no Pleno extraordinario celebrado o pasado venres para o concelleiro delegado de Obras do Concello de Tordoia. A modificación retributiva elevará o seu soldo anual de 28.699,86 a 42.000 euros brutos, mantendo exactamente o mesmo réxime de dedicación parcial do 90 % que viña rexistrando ata o de agora.

Máis de 13.000 euros de incremento coa mesma xornada

Durante o debate plenario, o goberno local xustificou este incremento do 46,34 %, o que supón 13.300,14 euros brutos máis ao ano en catorce pagas, amparándose nun suposto aumento da carga de traballo, das responsabilidades e da dispoñibilidade do edil para atender á veciñanza.

Con todo, desde UCIN Tordoia cuestionan a proporcionalidade desta medida lembrando que tarefas como recibir peticións veciñais, coordinar o persoal de Obras ou xestionar incidencias xa formaban parte das funcións que viña desempeñando o concelleiro desde o principio. «Non cuestionamos que o cargo implique responsabilidades nin dispoñibilidade. O que cuestionamos é que se aprobe unha subida salarial do 46,34 % mantendo exactamente a mesma dedicación. Cremos que unha decisión destas características debe estar suficientemente xustificada», sinalou Silvia Gómez.

Prudencia cos cartos públicos e chamada á transparencia

A formación independente puxo o foco na necesidade de xestionar os recursos municipais con rigor e empatía cara á realidade social actual. «Cantos traballadores coñecemos aos que lles subisen o salario case un 50 % sen cambiar a súa xornada? Mentres moitas familias fan números para chegar a fin de mes e afrontar os gastos cotiáns, entendemos que unha decisión así merecía, cando menos, unha reflexión profunda», apuntan.

Para Silvia, o debate non se reduce estritamente á legalidade formal da medida, senón á súa xustificación material e proporcionalidade. Por este motivo, o partido votou en contra no Pleno e reclamou un exercicio de responsabilidade institucional: «Os cartos do Concello son os cartos de todos. A veciñanza ten dereito a saber en que se gastan, por que se toman determinadas decisións e qué xustifica cada incremento. A transparencia non debería ser unha opción, senón unha obriga de quen goberna».

Comparte éste artículo
No hay comentarios