O PP mantén unha xuntanza con Patrimonio Naviego para escoitar as súas reivindicacións sobre a Casa Benedicto

Antonio Ameijide lamenta que, segundo comunicaron dende a asociación, nin PSOE nin BNG responderon a ningún dos escritos remitidos á Deputación de Lugo e pesar de que o edificio é de titularidade provincial.

O voceiro do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, mantivo hoxe unha reunión con representantes da asociación Patrimonio Naviego para analizar e escoitar de primeira man as súas preocupacións respecto á situación da Casa Benedicto, un inmoble situado en Navia de Suarna e que é propiedade da Deputación de Lugo, segundo se recolle no inventario patrimonial de 2023.

Xuntanza na que tamén participou o portavoz do PP en Navia de Suarna, Raúl Pérez, co obxectivo de coñecer en detalle as demandas da entidade e avanzar na busca de solucións para este edificio de alto valor patrimonial.

Antonio Ameijide destacou que esta reunión forma parte do compromiso do Grupo Provincial Popular “de manter un diálogo aberto e permanente con todas as asociacións e veciños da provincia”, tal e como se vén facendo desde o inicio do mandato. “Temos como prioridade atender a todas as entidades, asociacións e veciños da provincia”, afirmou.

O voceiro provincial lamentou que, segundo comunicaron dende a propia asociación, a Deputación de Lugo non atendese nin dera resposta aos escritos enviados por Patrimonio Naviego ao goberno provincial de PSOE e BNG, “a pesar de tratarse dun asunto que require responsabilidade e dilixencia por ser un edificio de titularidade pública”. “PSOE e BNG esquecen manter dignamente o patrimonio de todos os lucenses”, lamentou.

Antonio Ameijide tamén destacou que sendo a Casa Benedicto propiedade da Deputación, o goberno provincial debe actuar con responsabilidade para garantir o seu mantemento e evitar o seu deterioro. “Se a calquera particular se lle obriga a manter en bo estado as súas propiedades, ás administracións públicas tamén, e deben dar exemplo”, sinalou.

Neste senso, o popular pregunta a PSOE e BNG “se están de acordo” en que se derrube este histórico edificio da provincia e lles pide que estuden a posibilidade de rehabilitalo vinculado a usos turísticos ou para a difusión da historia de Navia, entre outros.

O Grupo Provincial Popular comprometeuse a seguir de preto a situación da Casa Benedicto e a realizar todas as accións necesarias en prol da protección e posta en valor deste inmoble emblemático de Navia de Suarna.

Comparte éste artículo
No hay comentarios