Grave retroceso democrático en Arteixo: O PSdeG-PSOE denuncia que impoñen só 3 días para analizar os Orzamentos de 2026 (Vídeo)

Os socialistas esixen retirar o punto do pleno ao recibir 36 documentos e máis de 400 páxinas sen tempo real para exercer unha oposición responsable.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia unha nova mostra de “opacidade e autoritarismo” do goberno local do PP ao entregar hoxe, con só tres días de antelación, a documentación completa dos Orzamentos de 2026: 36 documentos e máis de 400 páxinas que deberán ser ditaminados o vindeiro luns.

O PSOE considera “imposible e irresponsable” analizar con rigor en tan pouco tempo o documento económico máis importante do ano, polo que solicita formalmente a retirada do punto de aprobación do orzamento para garantir un estudo serio e unha fiscalización adecuada.

O portavoz socialista, Martín Seco, alerta de que “o alcalde Carlos Calvelo está instalando ao Concello de Arteixo nunha perigosa involución democrática, impedindo que a oposición poida exercer o seu labor en condicións mínimas. Non é unha cuestión política, é unha cuestión de respecto institucional e de transparencia”.

Un goberno con 11 dedicacións e 7 asesores… incapaz de cumprir prazos legais

Os socialistas lembran que a oposición carece de dedicacións exclusivas e depende dos tempos marcados polo goberno, polo que este tipo de prácticas “son unha forma evidente de dificultar o control democrático”.

Mentres tanto —sinala o PSOE—, o PP de Arteixo presume de ter 11 dedicacións exclusivas e 7 asesores pagados pola veciñanza, pero aínda así é incapaz de cumprir prazos legais básicos.

Proba diso é que a Conta Xeral de 2025 segue sen estar aprobada, malia que o prazo legal rematou o 15 de outubro. “O 75% dos concellos galegos presentaron a conta en prazo. Arteixo non. E agora pretenden que aprobemos uns orzamentos acelerados e sen tempo para revisalos”, denuncian.

Un risco evidente na xestión municipal

O PSdeG-PSOE advirte de que incumprir prazos obrigatorios non só revela unha “falla de rigor e planificación”, senón que ademais impide ao Concello solicitar subvencións doutras administracións, xerando perdas directas para o interese público.

“Os orzamentos non poden ser un trámite exprés. Estamos a falar de máis de 66 millóns de euros que afectan a servizos, investimentos e ás políticas prioritarias da veciñanza. Pretender que se revisen en tres días é unha burla”, conclúe Seco.

Comparte éste artículo
No hay comentarios