Afouteza azul: Camariñas 3 – Club de Mar 2. Por @DulceCorcu

No peor momento, a mellor cara dun Camariñas que soubo sobrepoñerse ao gol inicial en contra pouco antes dos vinte minutos, despregando un auténtico vendaval de xogo e goles que fixo as delicias da repleta bancada local, pese a non evitar a dose de sufrimento final cando os visitantes recurtaban distancias nos minutos postreiros do encontro.

O certo é que o Camariñas remata a semana na cuarta posición, a catro puntos do líder e deixando a sensación de ser un equipo compacto e resolutivo con xogadores tremendamente determinantes e cunha parella de baile que, cando soa a música, resultan imparables coma hoxe demostraron Mario e Djibril. Eles dous fraguaban a igualada antes do lecer, e a volta de vestiarios os camariñáns fixeron danzar ao Club do Mar ao seu son co «Hat-Trick» de Djibi e os servizos dun Mario que cabalga cada xornada a lomos dunha velocidade e unha calidade que non entende de categorías. En todas acabará abraiando. Orgullosa Camariñas do seu equipo e do traballo dun Juan Cabrejo que demostra ser profeta na súa terra. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios