CCOO de Lugo acaba de presentar dúas denuncias formais ante a Valedora do Pobo pola situación de emerxencia que se vive na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz. O Concello de Lugo non só é cómplice, senón responsable directo dun abandono escandaloso das instalacións e de permitir un acoso laboral ás educadoras, recoñecido e arquivado pola propia administración.
No escrito, CCOO esixe o fin inmediato dunha situación límite e indigna: nenos e nenas de 0 a 3 anos están expostos diariamente a condicións insalubres e perigosas nun edificio de madeira con goteiras, humidades constantes, chan levantado e temperaturas extremas. Soan a abandono cifras como 11 graos no inverno e máis de 30 no verán nun espazo onde xogan e dormen bebés. A climatización é unha promesa baleira que levan anos incumprindo.
A inacción é deliberada. O Concello, Inspección e a Xunta teñen coñecemento exhaustivo desta realidade a través de informes, correos e das propias denuncias das familias, que xa acudiron a Inspección hai sete anos. Nada se fixo. Nada cambiou. É a crónica dun desprezo anunciado e reiterado.
En paralelo, CCOO presenta unha segunda denuncia polo acoso laboral impune que sofren as educadoras. Un informe municipal recoñeceu esta situación, pero o Concello, en vez de actuar, esqueceu o caso. Tres anos despois, as traballadoras seguen expostas, sen protección ningunha e nun entorno xa de por si degradado, vítimas dunha dupla penalización: institucional e laboral.CCOO non vai tolerar ni un día máis de risco para a saúde dos nenos, de vulneración de dereitos laborais e de desleixo institucional. Por iso, acudimos á Valedora do Pobo para que esixa responsabilidades e obrigue ao Concello de Lugo a actuar xa. A escola Gregorio Sanz e as persoas que están nela merecen dignidade, non esquecemento