Érase unha vez unha política con moita présa e moito que traballar que, a golpe de moción de censura, acabou sentando na cadeira de alcaldesa. Ata aí, vaia por deus, nada que non inventaran antes en Madrid ou en calquera outra parte do planeta político nacional. O gracioso veu despois. Aquela muller que viña disposta a darlle a volta ao concello coma se fose un calcetín, descubriu de súpeto o marabilloso mundo da fotografía. E claro, pasou o que tiña que pasar: converteuse na «moza da foto». Moito flash e pouco flex, ou o que é o mesmo, moita pose para as redes e medios de comunicación, e pouca flexibilidade de momento, para dobrar o lombo nos problemas de verdade.
Na corporación, como é natural, os que foron desaloxados do despacho non lle deron os cen días de cortesía. Faltaría máis. Home, darlle cen días de tregua a alguén que sae en catro fotos pola mañá e tres pola tarde é un perigo demográfico; corres o risco de que os veciños se esquenzan de que ti gobernaches alí durante media vida. Así que o acoso e derribo empezou o mismísimo día de poñer o bastón de mando sobre a mesa. Din que na política vale todo, aínda que a ética e a estética sexan coma eses traxes de domingo que os concelleiros e concelleiras só sacan do armario para lucir nas procesións, televisión, radio, prensa escrita, dixitais, Facebook, X (antes Twitter), e Instagran. Para o día a día, mellor a roupa vella.
Pero mira ti por onde, a moza da foto parece, e subliño o de parece, que unha non é adivina nin quere pillar os dedos, que comeza a callar. Coma o bo queixo do país, que necesita o seu tempo para coller corpo, a muller vaise asentando no consistorio. E claro, a oposición, que non ten un pelo de parva e sabe perfectamente cal é o seu oficio, ve que o invento funciona e empezou a repartir leña. Agora mesmo estano dando máis cera á alcaldesa que a que arde nunha procesión de Semana Santa de Sevilla. Xa se sabe: se che dan cera, é porque estás alumando; se non dixeran nada, si que habería que preocuparse.