Olaia Sendón presenta a súa novela finalista do Premio Xerais na libraría Berbiriana da Coruña

Olaia Sendón conversa con Antonio Manuel Fraga sobre esta novela finalista do XLII Premio Xerais.

O mércores 3 de decembro ás 19:00 h, a libraría Berbiriana (Rúa Santiago 7, 15001 A Coruña) acollerá a presentación de A Casa Grande, a nova novela de Olaia Sendón, finalista do XLII Premio Xerais de novela. A autora estará acompañada polo escritor Antonio Manuel Fraga, nun encontro aberto ao público.

A morte da nai deixa a Casa Grande habitada só polos ecos, os silencios e as pantasmas que se agochan tralas fendas. O regreso dos tres irmáns para repartir a herdanza obrígaos a enfrontar o que un día foron e o que xa nunca serán. Cada obxecto arrastra consigo un recordo, unha ferida e a posibilidade dun axuste de contas. A Casa Grande afonda na dualidade das relacións familiares —tan fráxiles como persistentes— e lembra que todos estamos feitos, dalgún xeito, das historias que outros deixaron atrás.

A entrada é libre até completar aforo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios