94 anos de compromiso con Galicia: A constitución do Partido Galeguista

Coordinador Xeral do PG

Os días 5 e 6 de decembro de 1931, fai hoxe 94 anos, a cidade de Pontevedra acolleu a constitución do noso partido: o Partido Galeguista (PG).

Hoxe, ao igual que naquelas datas fundacionais, a participación activa do Partido Galeguista na vida política do noso país resulta necesaria e imprescindible.

Galicia precisa, agora máis ca nunca, dunha formación como a nosa. Un espazo onde convivimos persoas con sensibilidades e sentimentos diversos, unidas todas baixo un compromiso común: a defensa da Terra e o recoñecemento da Galicia Universal como pobo diferenciado no conxunto dos pobos da Península Ibérica, de Europa e do Mundo.

Hoxe, ao igual que onte, a nosa memoria permanece. Lembramos con agarimo e respecto a todos os irmáns e irmás que participaron da vida do Partido Galeguista e que xa non están fisicamente onda nós.

O seu legado é a nosa guía; non os esqueceremos nunca e estarán sempre presentes na nosa loita.

O Partido Galeguista en Arxentina e Uruguai

Tal día como hoxe, pero hai un ano, as entidades da emigración do Río da Prata (Arxentina e Uruguai) que asinaron xunto ao Partido Galeguista o Manifesto en favor do recoñecemento de Castelao como Primeiro Presidente de Galicia, celebramos conxuntamente un acto institucional en Buenos Aires.

Puidemos lembrar así a entrega formal deste Manifesto ao Parlamento de Galicia.

Pola mañá, tivo lugar unha emotiva lembranza no Camposanto da Chacarita, en memoria de todos os galegos falecidos en calquera lugar da diáspora («Alén Mar»). No acto participaron, ademais dos presidentes das entidades da emigración da «Quinta Provincia Galega», autoridades da Cidade Autónoma de Buenos Aires e unha representación consular de Cuba e Uruguai.

Xa pola tarde, celebrouse outro acto central no Centro Galego de Buenos Aires en homenaxe ao recoñecemento oficial que o Parlamento Galego lle outorgou á figura de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao como «Presidente do Consello de Galiza e Precursor do Noso Autogoberno».

Nesta homenaxe ao Primeiro Presidente de Galicia, contamos tamén coa presenza e o apoio das representacións dos pobos irmáns de Cataluña e Euskadi.

Viva o Partido Galeguista !
Saúde e Terra !

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios