Dende o BNG de Burela celebran o sorteo do Campionato Mundial de Fútbol masculino, que trouxo o emparellamento no grupo de clasificación entre España, Cabo Verde, Uruguai e Arabia Saudí. “Os nosos irmáns de Cabo Verde vanse enfrontar a dúas campioas do mundo, como é o caso de España e Uruguai, con forte lazos co noso pobo e tamén, evidentemente co pobo caboverdiano. Agardamos que deste xeito os nosos veciños podan facer un gran papel e teñan opcións de pelexar por un posto na seguinte rolda, logo da gran fase previa que completaron para poder clasificarse para a gran cita mundialista” sinalou o voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado.
Será toda unha festa do fútbol en Burela
Ademais, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Inmigración dixo que “temos que agradecer a veciños e veciñas da comunidade caboverdiana que se están a poñer en contacto con nós, xa case dende a clasificación de Cabo Verde para o Mundial, e mais agora tralo sorteo, para que poidamos dinamizar este evento, polo que xa comezamos a traballar para valorar diferentes alternativas tendo en conta a comunidade e os diferentes axentes sociais que poidan estar implicados para que a veciñanza poda desfrutar da cita nun ambiente festivo, posto que isto non pode ser mais que unha gran festa do fútbol en Burela”.