A UNED de Lugo celebrará os días 17 e 18 de decembro de 2025 unha nova edición do taller “Nadal sustentable. Un taller de coroas con elementos naturais”, unha actividade orientada a reconectar coa natureza e promover prácticas responsables durante as celebracións do Nadal.
A proposta enmárcase no proxecto #LugoNaturalMente e está organizada en colaboración con Fina Freire Lenza, profesional do ámbito local e responsable de Arte Floral Rabel. O taller desenvolverase de xeito presencial na sede do Centro Asociado da UNED de Lugo.
Cada persoa participante deberá escoller un único día de asistencia, o 17 ou o 18 de decembro, en horario de16:00 a 18:30 horas, e poderá elaborar unha coroa do Nadal ou un arranxo floral, utilizando materiais naturais —froitos, follas e elementos propios do outono— xunto con recursos reciclados.
A actividade pretende, ademais de fomentar a creatividade, abrir un espazo de reflexión sobre o impacto ambiental das festas do Nadal, apostando por unha decoración consciente e sustentable, baseada nos recursos da contorna máis próxima.
No transcurso do taller realizarase un descanso intermedio con café e infusións, pensado como un momento de encontro e convivencia entre as persoas asistentes.
Con un máximo de 10 persoas por sesión, o taller garante unha atención personalizada e unha experiencia formativa coidada. Esta nova edición consolida o ciclo Nadal Sustentable da UNED de Lugo como unha referencia na promoción da sustentabilidade, a educación ambiental e a creatividade vinculada ao territorio.