O Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe a Calvo Basket Xiria

Difícil compromiso para o último partido do ano en casa.

No que será un novo partido como local tras a vitoria do domingo pasado fronte a Navia La Magaya, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos busca un resultado que lle permita deixar un bo sabor de boca para os seareiros antes do parón do Nadal (os betanceiros xogarán o seu último partido o día 21 en León contra o RDL). O rival, o Calvo Basket Xiria, cuarto na liga cun partido menos, non vai ser unha cita nada doada. Os carballeses, que grazas ao acerto nas fichaxes e á calidade das cesións de Basquet Coruña (club ao que está vencellado) deu un notorio salto de nivel con respecto aos equipos que presentou en competición nos últimos anos, vai ser unha auténtica pedra de toque para comprobar ata que punto o nivel do Santo Domingo Betanzos é o nivel dese equipo que pasou por riba do rival a semana pasada (109-61).

O conxunto adestrado por Héctor Méndez, o mellor defensor da liga (65,2 puntos en contra por partido, fronte aos 83,5 que encaixan de media os betanceiros) ten como máximo realizador e reboteador ao interior francés Larousse Curtis (13,5 pp e case 10 rebotes), ben secundado por xogadores coma o gaditano Carlos Valera (12,3 pp), Alex Iglesias (10,3) ou o incombustible Rubén Rey (10,2).

Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador local: “O equipo agarda con moita ilusión este partido xa que a vitoria contra Navia deulle seguridade e confianza. É un partido difícil cunha plantilla ampla, teñen dous xogadores por posto, pero se somos quen de manter durante todo o partido unha intensidade defensiva alta e estamos acertados en ataque, o encontro vai estar igualado”.

O partido, a celebrar o domingo ás 17h no José María Valeiro “Tocayo”, poderá seguirse pola plataforma tii.vii.gal.

Completa axenda do club na fin de semana

Despois da xornada de descanso nas competicións FGB, o resto de conxuntos do Santo Domingo Betanzos volve ás pistas esta fin de semana do 13-14 de decembro. O sénior feminino viaxa á Estrada o sábado, para medirse ao equipo local, La Goleta xoga na casa contra Compañía de María o domingo (10h) e o outro conxunto de Tercerira contra o Costa na Morte ese mesmo día ás 19h ao remate do partido de Terceira FEB. O júnior masculino xoga polo 5o posto da Fase de Inverno medíndose primeiramente o sábado Cambre C (se gaña terá outro partido o domingo) e o feminino de Infor-B contra Compañía de María nun encontro no que debe dar a volta ao -7 do partido de ida.

Outros partidos importantes son o do J. Caamaño Arquitecto cadete contra Montrove, no que os betaceiros xogan a primeira praza do grupo e o do Grelo contra os Rosales 10, últimos partidos antes dos cruces. Os infantís de Cyrdega disputan os oitavos de final da fase de inverno contra Maristas Coruña, as infantís de Warnier os cuartos contra Basquet Coruña e as cadetes de Decornaveira pechan a fase de grupos contra Esclasvas Cormorants B. En canastra pequena, os mini da Piccola enfróntase a Compañía de María B e os premini masculino a Culleredo, nunha xornada en que descansa o premini feminino de 91o e os mini de 2015.

Comparte éste artículo
No hay comentarios