Eólica Así Non protesta ante o Parlamento contra as políticas do PP que declaran compatibles os parques eólicos coa paisaxe

Coordinadora Eólica Así Non concentrouse este martes, 16 de decembro, ás 16:30 horas, ás portas do Parlamento de Galiza, para protestar contra os cambios lexislativos introducidos polo Partido Popular na chamada Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2026. A mobilización desenvolveuse canda á aprobación desta norma no interior do Parlamento, unha «trapela lexislativa» que incorpora modificacións substanciais sen debate público, sen transparencia e sen participación social, e que afectan directamente a protección da paisaxe e os dereitos das poboacións afectadas pola invasión eólica.
Durante a protesta, a Coordinadora denunciou que o Partido Popular galego, como xa ocorreu en 2023 e en 2024, volve facer un uso espurio da Lei de Acompañamento, ao empregala como vía para introducir cambios profundos, entre eles, a declaración unilateral de compatibilidade dos parques eólicos coa paisaxe galega. Tal e como recolle o manifesto, lido durante a concentración, esta decisión dilúe o significado real da paisaxe e contravén o Convenio Europeo da Paisaxe, a lei galega da paisaxe de 2008 e as directrices de calidade paisaxística de Galiza, ao deixar sen protección espazos de alto valor ambiental. A ofensiva contra o territorio, denunciou a Coordinadora, compleméntase coa presentación da Lei de Administración Ambiental Simplificada, unha nova lei depredadora que reduce a terra a unha mera cuestión administrativa, e que muda a protección ambiental pola súa simple administración.
Acción simbólica “Non nos taparán os ollos”
No marco da concentración desenvolveuse unha acción simbólica baixo o lema “Por moita lei que cambien, non nos taparán os ollos. Nós tamén somos paisaxe!”Dúas persoas caracterizadas como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, representaron o xesto de vendar os ollos a varias das persoas participantes na mobilización, en referencia á vontade do Partido Popular de ocultar os impactos paisaxísticos, ambientais e sociais do actual modelo de depredación eólica. A acción concluíu coa retirada das vendas. «Por moito que cambien as leis», expresaron, «non nos van tapar os ollos. Retiremos as vendas, refreguemos os ollos e sigamos loitando contra a invasión eólica e por un modelo enerxético ao servizo do pobo, xusto coas persoas, respectuoso co medio ambiente e digno para o país».
A través desta protesta, a Coordinadora Eólica Así Non quere reafirmar que a paisaxe non é un elemento accesorio nin un obxecto administrativo, senón unha parte inseparable da identidade do pobo, da memoria, da natureza e das persoas que habitan o territorio, e insistiu en que, por moito que se modifiquen as leis, a cidadanía non renunciará a defender a súa terra e a súa paisaxe. «Non imos renunciar a ser nós», sentenzou. 
Comparte éste artículo
No hay comentarios