O Senado aproba a iniciativa do BNG para garantir a conexión nas zonas afectadas polos lumes da época estival

Carme da Silva, ante a situación de incomunicación de moitas zonas do rural galego, consegue aprobar unha iniciativa para que o Goberno restaure os servizos de internet e telefonóa.

O Senado aproba de maneira unánime a iniciativa do BNG para urxir o Goberno a levar a cabo medidas urxentes que permitan restaurar con garantías os servizos de internet e telefonía móbil, sobre todo nos concellos da Galiza após a vaga de lumes da pasada época estival, sobre todo nas comarcas de Lugo e Ourense. A senadora do BNG, Carme da Silva, tamén consegue sacar adiante que se acelere a extensión da banda ancha ao conxunto do territorio galego.

A senadora do BNG valora positivamente a aprobación da iniciativa que incide especialmente na situación de concellos onde os lumes afectaron de maneira directa ás infraestruturas de fibra óptica e telefonía –como Trives, Manzaneda, A Mezquita, Chandrexa de Queixa- deixando a centos de persoas con conexións provisionais, interrupcións constantes e dificultades para desenvolver actividades básicas como trámites administrativos, teletraballo, servizos bancarios ou teleasistencia.

Após a aprobación desta moción do BNG na cámara alta, Carme da Silva sinala que o Goberno “ten que tomar as medidas necesarias para garantir a conexión” mesmo sendo necesario que “exixan ás operadoras que solucionen de maneira urxente e fiábel os problemas de conexión e cobertura” naquelas zonas da Galiza que quedaron danados polos lumes da época estival.

“O Goberno debe adoptar medidas para evitar a incomunicación das poboacións afectadas e garantir o acceso aos servizos esenciais mentres non sexa restablecida a rede definitiva” recolle a iniciativa do BNG, defendida por Carme da Silva.

Do mesmo xeito, a iniciativa aprobada pola unanimidade da cámara alta pide ao Goberno que exixa ás operadoras que completen o despregamento da fibra óptica atéalcanzar 100% dos fogares do rural galego, asegurando o cumprimento dos obxectivos do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais de Banda Ancha.

“As operadoras recibiron fondos públicos e teñen que garantir a cobertura, a calidade e o acceso universal, tal e como marca a lei”. Do mesmo xeito, engade que, para o Bloque, “non cumprir no rural galego cos obxectivos de banda ancha significa condenar estas zonas ao illamento dixital e demográfico”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios