Carta ao xerente do Consorcio provincial de bombeiros da Provincia de Pontevedra pedindo a súa dimisión

Á atención do Consorcio provincial de bombeiros da Provincia de Pontevedra

D. Roberto Jorge Correa

Pola presente, os membros da representación legal dos traballadores do Consorcio Provincial de Bombeiros da Provincia de Pontevedra, reunidos en sesión extraordinaria, acordan manifestar o seu rexeitamento expreso á actuación do Xerente do Consorcio, D. Roberto Jorge Correa, polos feitos que se expoñen a continuación.

A actuación mantida por D. Roberto Jorge Correa, como Xerente do Consorcio Provincial de Bombeiros da Provincia de Pontevedra, resulta inaceptable, caracterizándose por unha falta reiterada de empatía, de diálogo e de capacidade para abordar de maneira eficaz os problemas estruturais que afectan gravemente tanto ao funcionamento dos catro parques de bombeiros do Consorcio como ás condicións laborais e de seguridade do persoal.

Entre os feitos máis relevantes que se lle poden imputar ao Xerente destacan, entre outros, os seguintes:

A falta continuada de empatía co colectivo de bombeiros e coas condicións reais nas que se presta o servizo público de emerxencias.

A ausencia total de medidas eficaces para garantir o funcionamento adecuado dos catro parques de bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra.

A incapacidade manifesta para resolver e achegar ferramentas reais que eviten os peches de parque, prevéndose máis de 200 peches ao longo do presente ano, sen que desde a Xerencia se adopten solucións operativas.

A negativa a habilitar fórmulas para cubrir o servizo mediante gardas extraordinarias, a pesar de contar co beneplácito expreso dos traballadores para cubrir ditos servizos, provocando unha perda innecesaria de operatividade.

A denegación sistemática dos asuntos propios solicitados polos traballadores, sen motivación suficiente e vulnerando dereitos laborais consolidados.

A intención manifesta de modificar a xornada ampliada e a forma de tramitación da mesma, incumprindo o convenio colectivo vixente e actuando á marxe do marco pactado.

O incumprimento dos puntos recollidos no convenio colectivo relativos á mobilidade entre parques, aplicando criterios arbitrarios e alleos aos acordos asinados.

A falta de vontade negociadora e de flexibilidade para avanzar en melloras en materia de Prevención de Riscos Laborais e medidas de seguridade, imprescindibles para o desenvolvemento seguro da actividade profesional.

O retraso reiterado nas licitacións de procedementos de traballo e protocolos necesarios para o correcto funcionamento operativo do servizo.

A acumulación constante de revisións, tarefas e incidencias que recaen directamente na responsabilidade da Xerencia e que non son atendidas nin resoltas en tempo e forma.

A falta de material esencial, que debía estar licitado no ano anterior, especialmente no relativo á roupa de parque e outros equipamentos básicos, xerando unha situación de precariedade totalmente inxustificable.

Todos estes feitos evidencian unha xestión deficiente, afastada das necesidades reais do servizo e incompatible coa responsabilidade que implica o cargo de Xerente dun Consorcio Provincial de Bombeiros.

A representación dos traballadores considera que esta forma de proceder non responde a feitos illados, senón a unha actitude reiterada, que deteriora o clima laboral, compromete a seguridade dos bombeiros e repercute negativamente na protección da cidadanía.

Por todo o exposto, a representación legal dos traballadores declara formalmente que o Xerente do Consorcio Provincial de Bombeiros da Provincia de Pontevedra, D. Roberto Jorge Correa, non pode ser considerado un interlocutor válido para a negociación de ningún asunto relacionado co funcionamento do servizo, especialmente no relativo á prevención dos peches de parques, ao non achegar solucións nin facilitar alternativas viables que eviten a perda de operatividade.

Dáse traslado do presente escrito aos órganos competentes para o seu coñecemento e efectos oportunos, advertindo de que a situación actual resulta insostible e require dunha intervención inmediata para garantir a continuidade do servizo público e evitar novos peches de parques.

Comparte éste artículo
No hay comentarios