Amoriños: Touriñán e Perdomo en pura esencia

Con catro cheos en territorio coruñés e moitas gargalladas de todo tipo, concluíu de forma exitosa a xira de Amoriños, un espectáculo de citas. Nela, Touriñán e Perdomo móstranse tal como son: humoristas de pura raza.

Ao longo do show, someten aos seus personaxes máis carismáticos a un test do amor similar ao de First Dates. Así, podemos ver ao peculiar deportivista Javi, os operarios Paco -coa súa inintelixible fala- e Manolo, ou o tímido Eduardo coa princesa do barrio nun alter ego de personaxes coñecidos por todos.

Resulta moi rechamante a participación de parellas -ou non- do público asistente. Ningún está a salvo de contar a súa vida amorosa ou bicar ao seu par do asento de á beira, mentres as cámaras de produción filman en directo.

Outro dos aspectos para destacar é a posta en escena (repetida ao final) na que dúas señoras de certa idade e desigual tamaño cóntanse as incidencias das súas propias vidas coa personalidade imprimida polos humoristas.

Sen dúbida, un auténtico show, cuxo éxito obriga a expor unha continuación…

Comparte éste artículo
No hay comentarios