O PP de Padrón resalta que 2025 lembrarase como “o ano no que o goberno local perdeu 716.000 € da Xunta”

O Partido Popular de Padrón realizou hoxe un balance xeral do exercicio de 2025 resaltando que lembrarase como “o ano no que o goberno local perdeu 716.000 euros de axudas da Xunta concedidas para a rehabilitación da escola infantil e a primeira fase do arranxo da praza de abastos”.

O voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, indicou que este ano “comezou a verse a verdadeira faciana do alcalde e do goberno socialista, máis preocupado da súa imaxe e de políticas populistas que de solucionar os problemas reais da veciñanza e de cumprir coas promesas que fixeran durante a campaña electoral”.

Respecto á perda de 716.000 euros de achegas da Xunta, Rodríguez Conde lembrou que no caso da escola infantil, no que a subvención autonómica ascendía a 396.000 euros, a primeira licitación quedou deserta e o alcalde responsabilizou ás empresas construtoras, se ben asegurou que tiña encarrilada a contratación das obras, “algo que o tempo demostrou que era completamente falso”. Pola outra banda, no caso da reforma da praza de abastos, o voceiro popular sinalou que “pasou de ser un proxecto estrela a un proxecto fantasma, porque o alcalde pasou de vendelo a todo tren a non dicir nada sobre a situación do mesmo nos últimos meses, cunha absoluta falta de transparencia”.

Para Rodríguez Conde, “a soberbia, as mentiras e a farándula do alcalde comezan a saírlle moi caras á veciñanza de Padrón”, xa que, ademais de perder 716.000 euros da Xunta, Anxo Arca multiplicou o gasto superfluo en autobombo e festexos, pero esqueceuse dos proxectos transformadores e das necesidades máis acuciantes. De feito, neste ano non se visibilizou ningún avance relevante nin nas xestións co Goberno central para humanizar a travesía da estrada N-550 na entrada desde A Ponte, nin na busca de solucións ao problema da vivenda, nin na aprobación do PXOM, nin se concretou a colaboración coa Consellería de Sanidade para arranxar o centro de saúde.

En relación ao planeamento urbanístico, o voceiro do PP indicou que “o alcalde volveu mentir sobre o PXOM, porque comprometérase a convocar unha nova reunión co equipo redactor e a oposición á volta do verán e esa reunión non se produciu”. Ademais, segundo veciños que asistiron recentemente a un encontro co rexedor en Pazos, o propio alcalde manifestou alí que renunciaba a aprobar o PXOM no presente mandato.

Por outra banda, Ángel Rodríguez tamén lembrou que Anxo Arca “está a poñer en risco os investimentos previstos por Augas de Galicia en Padrón, que suman tres millóns de euros, comezando polo proxecto de case 900.000 euros para minimizar o impacto das inundacións en Tarrío”. “A execución destes proxectos xa aprobados e con consignación orzamentaria é vital para xestionar novas actuacións en Cambelas e Lamas”, remarcou o voceiro popular.

“A estratexia do alcalde de facerlle oposición á oposición e de buscar un enfrontamento permanente coa Xunta de Galicia é completamente estéril para os padroneses e padronesas”, advírtelle Rodríguez Conde, que lle recomenda a Anxo Arca que lle pida aos Reis Magos “máis humildade, máis memoria para que non esqueza que goberna en minoría e unha maior predisposición a dialogar coa oposición”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios