Se pensabades que era imposible facerlle sombra a disparatada rolda de prensa de Donald Trump, chega Fran Rivera como alumno aventaxado niso de dar vergonza allea. Porque a conta da invasión de Venezuela e o secuestro do seu presidente e a súa muller, vén de publicar un vídeo onde felicita ao americano pola proeza e o convida a ollar cara España porque a el, algo lle cheira a chamusquina.
Gran e recoñecido estadista cando a súa profesión de matarife de touros o permite, espalla a súa sabedoría e simpatías cara a ultradereita aí onde lle poñan un micrófono, e se non llo poñen, pois xa se grava el mesmo suxerindo que oxalá o exército dos USA veña invadir España e acabe con esas «caras raras» das que fala na súa alocución, na que amén de repetir unha ducia de veces «maravilloso» tampouco se atreve a dicir abertamente a quen se refire nin cantas bombas quere que nos tiren. Para que despois digan que ser toureiro é de valentes. Porque as «liberacións» ianquis son eso: destrución, asasinatos e cemiterios por onde pasan, abonda con repasar a historia recente. Pero Fran Rivera, que di ter moitos amigos venezolanos –coma os homófobos din que os teñen gays e os racistas negros- celebra que unha potencia estranxeira vaia lucrarse dos seus recursos naturais coa escusa de que Maduro é un narco. Pois aquí, no noso país, os narcos ata non hai tanto mandaban case tanto coma algúns presidentes, cos que se codeaban felizmente. E paseaban con eles en iates polas Rías galegas dándose cremiña polo lombo con absoluta naturalidade. E non digamos aquela presentación de campaña para as Europeas a bordo do «Moropa», propiedade do máis granado do narcotráfico non só de Galicia, senón alén o noso territorio, paseando a Rajoy e demais comitiva. Onde estaría Fran Rivera? Que tal se perderon os da DEA! Que para películas e peliculeiros, non fai falla estar necesariamente en Hollywood.