UCIN Galicia, a través do seu coordinador autonómico José Luis Calo, instou hoxe ao Goberno central a acometer de xeito inmediato os traballos de reparación e conservación necesarios no ponte de Pontevea. Esta infraestrutura de orixe medieval, que une os concellos da Estrada e Teo sobre o río Ulla, conta coa máxima protección ao estar declarada Ben de Interese Cultural (BIC).
Calo denuncia que o viaduto presenta nestes momentos danos estruturais visibles que comprometen a súa integridade física e supoñen un risco para a seguridade de veciños e visitantes. Por este motivo, UCIN reclama a posta en marcha dun plan integral de mantemento que inclúa tanto medidas correctoras na estrutura como a limpeza e acondicionamento ambiental de toda a contorna.
José Luis Calo subliñou a importancia simbólica deste monumento: “Non se trata só de reparar unha ponte; falamos de protexer o noso legado. O ponte de Pontevea é un emblema da nosa historia que debe conservarse en condicións óptimas para as xeracións futuras e como un motor para o turismo da zona”.
Calo solicita que as autoridades competentes actúen coa máxima celeridade para evitar un maior deterioro. A formación comprométese a realizar un seguimento activo desta demanda, recordando que a custodia do patrimonio é unha responsabilidade ineludible de todas as administracións públicas.