Viveiro sae á rúa en defensa da sanidade pública: andaina reivindicativa o 15 de xaneiro

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca  a todas e todos os veciños de Viveiro e da Mariña ao acto de entrega de máis de cinco mil sinaturas dirixidas ao Conselleiro de Sanidade que veñen recolléndose desde o 18 de setembro, en demanda da cobertura de todas as ausencias de medicina de familia e pediatría de xeito estable, todos os días da semana e durante a quenda completa.

O centro de saúde de Viveiro ven sufrindo desde hai anos a falta de cobertura destas categorías , dándose situacións de merma de máis do cincuenta por cento da dotación de facultativ@s de familia na maior parte dos días , chegando incluso en moitas ocasións a haber únicamente dous ou tres dos once médic@s que conforman a súa plantilla. Esta situación fai que a poboación teña que soportar agardas de máis de quince días para consulta ou renovación de receitas, chegándose a dar casos de agardas de trinta e seis días, polo que a atención sanitaria non está garantida para as persoas de Viveiro. No caso de pediatría , Viveiro leva moitos anos co servizo ao cincuenta por cen da súa dotación, asumindo unha soa persoa a totalidade da atención das crianzas na localidade máis poboada da Mariña.

O acto reivindicativo dará comezo ás 11 horas diante do Centro de Saúde de Viveiro.

Este acto reivindicativo dará comezo ás 11 horas de xoves 15 de xaneiro diante do Centro de Saúde de Viveiro. Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario explica que desde este lugar partirase en andaina cara á Delegación da Xunta en Celeiro ,para chegar sobre as 11:30 horas e unha vez alí, varios integrantes da Plataforma Sanitaria da Mariña entrarán no edificio para dar rexistro e  facer entrega dos pregos, con máis de cinco mil sinaturas dirixidas ao Conselleiro de Sanidade. Posteriormente haberá unha concentración diante do edificio da Delegación da Xunta dando continuidade ás concentracións que veñen convocándose ininterrumpidamente desde hai oito meses en diversas ubicacións da cidade de Viveiro.

Samuel Fernández Bouza , veciño de Viveiro e integrante da Plataforma Sanitaria da Mariña anima a todas as persoas de Viveiro, das localidades próximas e en xeral a todos e todas as mariñás a que ” acudan a este acto en defensa dunha sanidade pública de calidade, próxima e equitativa, e invita a que as persoas que dispoñan da camiseta co lema das concentración viveirenses Pola Resurrección da Nosa Sanidade, veñan con ela.”

Comparte éste artículo
No hay comentarios