Desde Espertamonforte queremos expresar o noso apoio explícito e firme á solicitude de nulidade da votación presentada polo BNG en relación co pleno celebrado o pasado 29 de decembro, no que se debateron as solicitudes de dimisión do alcalde, José Tomé.
Compartimos plenamente os argumentos do BNG para reclamar a invalidez do acordo plenario. Consideramos que se incumpriu de maneira clara o procedemento legal para a votación de iniciativas presentadas por un grupo municipal, especialmente no relativo á votación por puntos. Esta é unha prerrogativa que non pode ser decidida de forma unilateral por un portavoz que nin presenta a moción nin ten mandato para facelo.
Resulta especialmente grave que, durante a sesión, o alcalde e o portavoz do goberno se negasen a permitir a votación por puntos solicitada polo noso concelleiro, Germán Vázquez, malia tratarse dunha cuestión recollida no regulamento municipal e na normativa de funcionamento das entidades locais.
Máis alá do aspecto técnico, desde Espertamonforte lamentamos fondamente a actitude do alcalde. Non só impediu unha fórmula de votación plenamente democrática, senón que volveu evidenciar un menosprezo reiterado cara aos concelleiros da oposición e cara aos procedementos que deben rexer a vida política deste Concello. Este comportamento non só vulnera a normativa, senón que deteriora a confianza da veciñanza nas institucións.
Por todo isto, desde Espertamonforte:
- Reafirmamos o noso compromiso coa transparencia, a legalidade e o respecto mutuo entre representantes públicos.
- Apoiamos que a solicitude de nulidade do BNG se resolva con celeridade e conforme a dereito.
- Esiximos que se garanta o dereito de todos os grupos municipais a participar, debater e decidir en igualdade de condicións.
O respecto ás normas e ás formas democráticas non é unha opción, é unha obriga, especialmente para quen ostenta responsabilidades de goberno.