BORO. Por @DulceCorcu

Ao mesmo tempo que había xente desvivíndose por atopar a Boro, o can do accidente de tren en Adamuz, había outra maltratando e abandoando aos seus na nosa comarca, como os correazos que un veciño de Carballo daba ao seu mastín. Ou todos os recén nados que habitualmente aparecen en caixas de cartón ou directamente envorcados ao lixo. 

Son cans, pero tamén moito máis que simples animais. Capaces de atoparnos entre as ruínas dunha catástrofe e incapaces de deixarnos sós en calquera que sexan as circunstancias. É o amor puro que só entende de dar, que nos busca con pánico se nos perde de vista nalgún intre, mentres celebra o reencontro con tanto movemento de rabo e corpo que ás veces parece que vaia descoiuntarse. A entrega incondicional a cambio de agarimo e coidado, de facelos parte da nosa familia e de sufrir cando os perdemos, aínda que sexa momentáneamente como no caso de Boro, felizmente rescatado e de volta coa súa dona. Ese debera ser o final de todos cantos deambulan en soidade, deixados da man doutra sorte de animais con corazón inhóspito e lúgubre que no mellor dos casos acabarán nalgunha protectora que tratará de recompoñelos física e emocionamente para, máis adiante, compretar o ciclo vital cunha adopción. Oxalá un día no que todos vivan así, ao calor dunha familia que saiba tratalos coma un membro máis e que, como Ana, pese á traxedia e a dor, non conciba sobrevivir sen Boro ao seu carón.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios