Con 50 anos de traxectoria, a organización ecoloxista continuará a promover unha Educación Ambiental transformadora.
Hoxe, 26 de xaneiro, celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental (EA), unha data que ten a súa orixe no ano 1975 durante a celebración do Seminario Internacional de Educación Ambiental en Belgrado, no que se estableceron os principios e os obxectivos xerais dentro do marco da Educación Ambiental a nivel mundial, recollidos na denominada carta de Belgrado.
Para a asociación ecoloxista ADEGA, a Educación Ambiental é unha liña estratéxica de actuación, xa que constitúe unha ferramenta que permite afrontar e avanzar ante as problemáticas ambientais existentes no sistema socioeconómico actual. Desde ADEGA entendemos a Educación Ambiental como un recurso educativo e social que permite a mellora ambiental a través da participación, da sensibilización e da denuncia das problemáticas ambientais, para construír así unha sociedade máis igualitaria, xusta, participativa e ecolóxica.
ADEGA e a Educación Ambiental: da man desde hai 50 anos
O ecoloxismo e a educación ambiental teñen unhas orixes e traxectoria comúns. Por iso, os 50 anos que vén de celebrar ADEGA son tamén 50 anos de educación ambiental en Galiza. Proba disto é que ADEGA, xunto coa AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), foi unha das entidades impulsoras das primeiras Xornadas galegas de Educación Ambiental. Nesta liña, ADEGA ten botado a andar numerosas iniciativas de Educación Ambiental destinadas a fomentar o coñecemento do medio e proporcionar ferramentas para a valorización e conservación deste.
Entre elas, destacan algunhas que xa son todo un referente, como o Proxecto Ríos, un programa que vén de facer os seus 20 anos de traxectoria e que fomenta a custodia dos ríos galegos a través das inspeccións realizadas por máis de 400 grupos de voluntariado. Os programas de compostaxe caseira e comunitaria son outra das referencias. ADEGA ten levado con éxito este modelo de xestión domiciliaria dos residuos orgánicos a máis de 5.000 vivendas nun total de 50 concellos de toda Galiza. Ademais, a organización desenvolve múltiples proxectos de custodia do territorio en espazos como a Eira da Xoana (en Ramil, Agolada), o Sobreiral do Arnego, o Monte da Fraga ou treitos dos ríos Tambre, Limia, Arnego, Tea e Bibei a través do Proxecto Fluviatilis.
A estas accións súmanse as numerosas actividades de educación ambiental desenvolvidas ao longo do ano, como a eliminación de especies exóticas invasoras, a restauración de charcas e de espazos degradados, roteiros interpretativos, cursos de formación, e charlas e obradoiros en multitude de centros de ensino ao longo de todo o país.
Ademais, ADEGA conta con medios de comunicación propios como Cerna, que ten como obxectivo informar sobre as problemáticas ambientais que afectan o territorio, así como poñer en valor e difundir a ecoloxía e a investigación do medio ambiente galego.
A Xunta de Galiza: menos educación e sen «ideoloxía»
O investimento público en Educación Ambiental no noso país por parte da Xunta de Galiza leva anos reducíndose ata límites irrisorios, o que se traduce no recorte de actividades, programas e recursos de Educación Ambiental, no peche e infrautilización de equipamentos públicos e na desaparición de empresas e cooperativas.
Ao fío disto, ADEGA entregou a finais do pasado ano o primeiro Dioxina colectivo á ConsellAría de Educación por aplicar o principio de “neutralidade ideolóxica” nas escolas, medida que oculta unha intención de censurar temas públicos que poidan incomodar o goberno, como Altri ou o xenocidio en Gaza. Esta política supón un control ideolóxico nas aulas e vulnera as liberdades democráticas fundamentais.
ADEGA defende unha educación baseada na liberdade, a democracia, a solidariedade, a igualdade e o respecto ao medio ambiente. Unha educación ambiental que mateña o seu fin transformador e reivindicativo, algo que se perdeu en moitas das propostas que actualmente se presentan como de educación ambiental (educación ambiental Disney), domesticadas e ausentes de crítica ao modelo de sociedade predominante e sen espírito crítico.
Ante esta situación de precariedade, ADEGA demanda, no día mundial da Educación Ambiental, máis investimentos dirixidos a programas de EA que permitan a súa continuidade e eficacia, e que capaciten as organizacións sociais de base e pequenas iniciativas a levar a cabo este traballo de transformación social en defensa do medio natural.