Antonio Ameijide. «Carmela López, unha presidenta tutelada: Tomé mantén o control real da Deputación de Lugo»

Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentaron que “nada cambou” na Deputación de Lugo xa que o goberno provincial liderado por Carmela López “demostrou hoxe que está secuestrado por José Tomé e que el segue a coordinar todas as decisións dende a sombra”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denunciou que “a nova etapa na Deputación é máis do mesmo, o mesmo goberno” en referencia a que “hoxe Carmela López puido demostrar que quere aire fresco na Deputación de Lugo e apoiar a apertura da residencia de Becerreá en igualdade de condicións ao resto de centros da rede, pero optou por seguir os mandatos de José Tomé e seguir a castigar aos veciños deste municipio e dos da comarca polas liortas internas do PSOE”.

Durante o debate, Antonio Ameijide fixo referencia a “manobras estranas dende a Deputación”, puntualizando que “son legais pero non habituais”, tras coñecer que o pasado 16 de decembro a Deputación de Lugo publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a consulta preliminar de mercado para a preparación do expediente de contratación da concesión de servizos do Centro de Día e Residencial comarcal de Becerreá sen poñer data real á licitación e apertura efectiva do centro.

O voceiro popular explicou que “pese a ser un trámite legal, o único que buscan PSOE e BNG é dilatar a apertura do centro e privatizar os servizos na súa totalidade”, provocando que “un goberno que se di social vai a obrigar aos futuros usuarios soportar uns custes excesivos”.

Ameijide explica que, segundo o informe realizado por unha consultora externa, no marco da consulta preliminar de mercado, indícase, entre outros factores, que na comarca hai un índice de envellecemento da poboación por riba da media galega, cunha pensión media de 1.014,99€ ao mes. “E o goberno de Carmela López insiste en que os prezos sexan de 2.200€/mes para os usuarios dependentes e 1.750€/mes para os usuarios autónomos”, explicou.

CRONOLOXÍA

O Centro de Atención a Maiores comarcal de Becerreá acumula case 10 anos de atrasos na súa posta en marcha. O acordo inicial data do 27 de xuño de 2016. Nese mesmo ano, o 19 decembro, os representantes da institución provincial e do Concello subscribiron un convenio para a execución dos fins comúns consistentes na demolición de edificación do antigo fogar escola e construción e xestión dun centro de día e residencial comarcal en Becerreá por valor de 5.415.326,89€.

O edificio leva 4 anos rematado, pero segue a carecer de mobiliario, polo que non está a prestar os servizos para os que se proxectou, deixando sen servizo as 96 prazas de residencia e as40 de centro de día, así como sen cubrir o medio cento de postos de traballo que terá.

CAM DE A PONTENOVA

Os deputados populares apoiaron no pleno de hoxe a continuación e finalización das actuacións en curso da execución do convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación e o concello de A Pontenova para a execución dos fins comúns consistentes en: adquisición de terreos e construción de complexo residencial para persoas maiores no concello de A Pontenova.

Antonio Ameijide pediu celeridade ao goberno provincial no remate das obras “tras moitos anos de atrasos” para poder prestar “un servizo fundamental aos veciños deste municipio”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios