A ruptura no seo do grupo socialista de Lugo fíxose hoxe visible no Pleno. María Reigosa, que recentemente solicitou a baixa no PSOE, rompeu a disciplina de voto para apoiar a iniciativa do PP que reclama unha actuación urxente en Fermín Rivera. Mentres os seus antigos compañeiros votaron en contra (ou se abstiveron), Reigosa sumouse á demanda veciñal para solucionar os continuos cortes de auga que sofre a zona.
O Grupo Municipal do Partido Popular en Lugo logrou hoxe o apoio do Pleno para esixir unha actuación urxente na rúa Fermín Rivera, unha zona que padece un esquecemento sistemático e cortes de auga constantes. Porén, o debate político estivo marcado pola descomposición do grupo socialista, que viu como a súa ex-concelleira, María Reigosa, daba as costas á estratexia de bloqueo do PSOE para votar a favor dos veciños.
A votación de hoxe non só ratifica a necesidade de intervir de inmediato en Fermín Rivera, senón que amosa un Goberno local «roto, en precario e máis preocupado polas súas liortas internas que polos problemas reais de Lugo». Para o PP, é «lamentable» que o PSOE prefira votar en contra dunha mellora necesaria para os veciños só por vir da man da oposición, mentres os seus propios membros abandonan o barco por falta de proxecto.
A guinda do pastel: CCOO contra o «Goberno a dous»
A tensión política no salón de plenos alcanzou o seu punto álxido coa presenza de delegados de CCOO, que acudiron para protestar e reclamar solucións ante a deriva dun «Goberno a dous» que cualifican de ineficaz. Para o PP, esta protesta sindical é a proba definitiva de que o proxecto de PSOE e BNG está esgotado: «Cando os teus propios sindicatos che dan as costas e os teus concelleiros votan coa oposición, é que o goberno xa non existe»