Lugo renovará a rúa Picasso

Habilitarase unha plataforma única e instalarase alumeado público «mellorando a imaxe do barrio de Fingoi».

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron un encontro con veciñas e veciños da rúa Picasso para presentar o proxecto de reurbanización do espazo ubicado no barrio de Fingoi. Arroxo afirmou que «seguimos traballando para mellorar os espazos públicos e garantir que a veciñanza poida desfrutar de rúas en bo estado e de espazos de convivencia».

Actualmente, a rúa atópase parcialmente urbanizada, e conta con beirarrúas estreitas e cun firme moi deteriorado. Ademáis, non hai instalación de alumeado público. O proxecto que se está a licitar actualmente renovará a totalidade da calzada e das beirarrúas, ampliando a rede de plataformas únicas da cidade, e cun novo espazo axardinado na zona actualmente sen urbanizar, ademáis de instalar alumeado público e saneamento na rúa.

Con esta intervención, a Tenencia de Alcaldía avanza na «cidade dos 5 minutos», creando un novo espazo de convivencia veciñal no barrio de Fingoi. Arroxo afirmou que «seguimos atendendo ás reclamacións das veciñas e veciños, e actuando nos diversos barrios para que todo Lugo avance de xeito uniforme».

A actuación da rúa Picasso atópase actualmente en proceso de licitación cun orzamento máximo de 89.400,54€ e un prazo de execución de 3 meses.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios