Brais Vázquez “este acordo é lesivo para os intereses do sector primario desta comarca, unha comarca que vive e se alimenta maioritariamente do campo”
Monterroso, 30 de xaneiro de 2026. O portavoz do BNG no Concello de Monterroso, Brais Vázquez, defendeu a proposta para rexeitar o acordo de comercio asinado entre a UE e o MERCOSUR, un acordo que cualificou como «unha traizón e unha deslealdade ante os intereses do sector primario galego que foi malvendido en Europa». A moción foi aprobada co único apoio de IxM e PG.
Brais Vázquez afirmou que «aparte do acordo Mercosur, o sector precisa unha desburocatrización, melloras na Lei da Cadea Alimentaria e máis bioseguiridade». Vázquez sumouse ás preocupacións das gandeiras e gandeiros que levan semanas mobilizándose «ante a preocupación que supón a entrada de produtos agrarios procedentes de América do Sur, con menos custos asociados e uns estándares menos estrictos, iso é algo que vai afectar especialmente ao sector da gandería extensiva de produción de carne e derivados», explicou Vázquez.
Tamén criticou na defensa da súa postura que «obligamos que o gandeiro sepa de informática, de maquinaria, de gando, de benestar animal pero cando toca defendelo e cando temos a oportunidade de loitar, ós poderes actuais acabaron por vendelos»
Brais Vázquez afirmou que na comarca da Ulloa «o sector gandeiro ten moita importancia, seguen pechando explotacións e as medidas para o relevo xeracional e contra o abandono do rural non están funcionando».
Por último, criticou a postura de PP e de PSOE que insistiron nas cláusulas de salvagarda, «falan de cláusulas de salvagarda do 10% na distorsión de prezos no mercado, pero nin se ten capacidade para cumplilas, nin van a ser áxiles nin xustas. Unha distorsión dun 10% nas explotacións da comarca supón que a ambulancia vai chegar tarde ó ferido»
Na súa exposición tamén reflexionou sobre un modelo global de produción máis sostible, fomentando o consumo de produtos locais e limitando a importación de produtos non necesarios de forma masiva, e criticou «a postura do Partido Popular, que vota a favor nos órganos de representación política e expresa a posición totalmente contraria de cara aos medios».
…