O BNG demanda ao Goberno explicacións ante a ausencia de avaliación ambiental transfronteiriza na mina da Gudiña

Néstor Rego alerta de que o silencio do executivo español está a agravar o conflito con Portugal neste proxecto transfronteirizo.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para exixir explicacións ao Goberno do Estado ante a falta de avaliación de impacto ambiental transfronteiriza na concesión mineira “San Juan”, sita no concello da Gudiña, a escasos dous quilómetros da fronteira con Portugal. Do mesmo xeito, a organización nacionalista denuncia a inacción do executivo ante un conflito diplomático aberto coa República Portuguesa.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que “estamos diante dun proxecto mineiro de enorme magnitude, con impactos ambientais severos e evidentes máis alá da fronteira, que foi prorrogado ilegalmente pola Xunta da Galiza e frente ao que o Goberno do Estado decidiu mirar cara outro lado”.

A mina de volframio “San Juan”, recorda Rego, foi autorizada inicialmente en 2015 cunha Declaración de Impacto Ambiental limitada no tempo e no volume de extracción. “A DIA de 2015 está caducada desde 2019 e non serve para xustificar unha concesión por trinta anos nin para un proxecto que multiplica por máis de dez o volume de extracción previsto”.

O proxecto sitúase nun entorno de alta sensibilidade ecolóxica, moi próximo á Zona de Especial Conservación Pena Maseira e augas arriba do Parque Natural de Montesinho, xa en territorio portugués. Diversas organizacións ecoloxistas advertiron dos impactos sobre o río Rabaça e da posíbel contaminación por metais pesados, con efectos directos sobre ecosistemas e poboacións do país veciño.

O deputado do BNG subliña que “non só se incumpriu a lexislación ambiental, senón tamén a normativa europea e internacional en materia de avaliación de impactos transfronteirizos”, lembrando que o propio goberno de Portugal confirmou publicamente que nunca foi informado polas autoridades españolas sobre este proxecto.

Explicacións inmediatas por parte do Goberno do Estado

Ante esta situación, o deputado do BNG no Congreso reclama ao executivo recoñecer formalmente o carácter transfronteirizo da explotación mineira da Gudiña e explicar por que non informou nin notificou ao goberno de Portugal, incumprindo as obrigas derivadas da normativa europea.

“O Goberno debe aclarar as xestións realizadas após recibir a nota diplomática da embaixada lusa onde se denunciaba o incumprimento da citada lexislación e posicionarse de forma clara frente á pretensión da empresa Eurobattery Minerals de que este proxecto sexa recoñecido como “proxecto estratéxico europeo”, cando, polo de agora, non cumpre os requisitos ambientais nin conta co acordo do Estado portugués” reclama Néstor Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios