O Alcalde de A Pastoriza plántalle cara ao Goberno galego         

Xosé Edrosa

 O alcalde chairego de A Pastoriza, Darío Cabaneiro (PPdeG,), vén de facer público o seu rexeitamento  a novos parques eólicos no seu concello, sen previa negociación de contraprestacións económicas para a entidade local e conseguinte beneficio para a veciñanza que representa. Unha medida lóxica e xusta  que xa tén o seu precedente no veciño concello de Muras, neste caso gobernado polo BNG. Un exemplo de xustiza e equidade, e que outro xeito de compartir o progreso é posible.

 Máis non é esta a parte máis salientábel  o que lle chamou a atención a este servidor, senón o feito de que esta medida veña da man dun concello gobernado polo PPdeG, unha formación política gobernante que non se prodiga por este tipo de iniciativas, senón todo o contrario, pois a norma cotiá é o ¨laisser faire¨ e a barra libre para os promotores que baixo a éxeda da utilidade pública operan ao seu libre albedrío, facendo o agosto para a súa utilidade privada e, posiblemente, foránea. Un negocio ao que contribuímos vía impostos todos os cotizantes, ademais de soportar as afeccións sobre o territorio, que tamén é de utilidade pública e interese social,  pola función intrínseca que achegan os solos acoutados por este tipo de actividades.

 Pero non rematan aí as reivindicacións do rexidor pastoricense, pois tamén alega a interacción negativa da proxectada actividade eólica (Parque eólico Arno), de incidencia supramunicipal, sobor da actividade gandeira, motor económico por antonomasia deste concello, unha utilidade que debe prevalecer sobre calquera outra que presente uns niveis de incompatibilidade co aproveitamento sostible da gandeiría e o medio no que se desenvolve.

 Darío Cabaneiro afirma que non tivo coñecemento deste parque eólico (o que ademais da Pastoriza, afecta aos concellos de Riotorto, Meira, Castro de Rei e Pol) ata a aprobación do Consello da Xunta como proxecto dunha clara incidencia territorial, feito que resulta, cando menos, sorprendente, que este tipo de procedementos  se sustancien de costas á propia Administración Local directamente afectada, feito que reflicte un evidente menosprezo e falla de rigor procedemental cara á mesma, xa que afecta ás súas competencias en materia de planeamento urbanístico.

 Cómpre desexarlle moito éxito a Darío Cabaneiro na súa loita contra o xigante, incluído o seu partido; e aos demais alcaldes, que tomen exemplo. Unha loita que debe ser compartida activamente  pola veciñanza afectada. A conciencia colectiva, é, pois, o capital social que mellor define a un pobo como tal, un factor imprecindíbel para a defensa dos seus valores, intereses sociais e colectivos. Vímolo noutrora na loita contra a concesión mineira, a ceo aberto, que ERIMSA proxectaba levar a termo, afectando a preto de 6 mil hectáreas  dos concellos chairegos e Riotorto, e que grazas ao esforzo e presión social das veciñas e veciños da Chaira, fomos quen de frear aquela desfeita, poñendo en valor a nosa dignidade e respecto como pobo (véxase: “A Minería e a Ordenación do Territorio en Galicia” deste autor).

 A defensa dos valores do noso medio natural e dun medio ambiente san é un deber colectivo, dio a nosa Carta Magna, exerzámolo. Por elo, cando vexamos que unha administración incumpre tal deber, incluso amparándose en leis e regulamentos que esvaecen este principio en perxuízo do interese xeral, ergamos cívicamente a nosa voz, e digámoslle sen complexo que o primeiro principio da nosa Lei de leis é o Estado Social, seguido do democrático e de Dereito. Convén non esquecelo. Por elo, os proxectos e actividades que non respectan ao noso medio e ás persoas e institucións que nos representan, incumpren tales principios.

 Malia aos principios invocados, os ventos que sopran dende San Caetano non son favorables para a súa defensa efectiva, vemos a cotío incumprimentos inconmesurables, o caso ALTRI na Ulloa é o paradigma da irracionalidade  e da indecencia, conculcando de xeito flagrante os estándares normativos en materia de augas, incluso os establecidos no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, impulsado polo propio Goberno galego. A inseguridade xurídica para os solos e valores que conforman o noso ecosistema, e tamén para os axentes que interveñen na propia actividade económica e empresarial, é de alarmante preocupación. A paralización xudicial de numerosos proxectos eólicos e doutra natureza, é consecuencia directa de tal estado. E xa non eran poucas as desgrazas e `pariu a avoa´, pois o Tribunal Constitucional vén de admitir a trámite o recurso contra varios artigos da Lei de acompañamento do Parlamento galego aos orzamentos de 2025, un caixón de xastre no que se introduce pola porta de atrás todo tipo de amaños lexislativos para o resarcimento de determinados intereses. Dentro deste paquete de acompañamento ían as medidas  encamiñadas á repotenciación eólica de parques con máis de 25 anos en funcionamento. Unha cuestión que, agás dos beneficiados, caeu coma un xarro de auga fría na caluga do sector eólico, o que amparándose na lóxica do mercado, alega na súa defensa que é unha medida que favorece ao monopolio, afectando á libre concorrencia do sector, feito que logo repercutiría negativamente sobre o consumidor. O Goberno galego di o contrario. Imos ver.

 Todo isto está sucedendo no medio rural galego, o que noutrora foi fonte de progreso económico e social para as xentes que vivían e traballaban neste eido, un xeito de vida que xa non está tan claro ao día de hoxe, malia ao intento das Administracións locais de fixar poboación na procura de manter o seu censo de poboación de habitantes, incluso incrementalo, un obxectivo nada doado de cumprir, habida conta do modelo produtivo imperante, incompatible con tal obxectivo; elo unido a outros factores que tamén operan negativamente sobre o mantemento sostíbel do medio rural; o urbanismo e os recortes de servizos públicos básicos, son determinantes.

 A especulación desenfreada sobre os recursos do medio rural, a colonización de hoxe, son o signo do noso tempo. Xa non preocupa este espazo para vivir, senón para esquilmar os  recursos que agocha. O converter a meirande parte de superficie en terreos francos e deprimidos, é un obxectivo deliberado. A vaga sistémica de lumes pola falla de medidas estruturais efectivas que freen este mal endémico, é un obxectivo máis na mesma dirección. O lume é, pois, un negocio máis no que está centrada e resignada a Administración, negándose sistemáticamente a afrontar a cuestión de fondo que mantén este statu quo perverso e inmoral que tanto dano está a facer ao país e ás súas xentes.

 Curiosamente, os galegos e as galegas somos coñecedores dos responsables que alimentan tal situación, sabemos quen son, témolos localizados; pois non son outros que os que dende fai corenta anos, redactan e escriben o Diario Oficial de Galicia.

 Seguramente  o alcalde de A Pastoriza  tén coñecemento dabondo destes e doutros feitos e incompetencias, por iso lles planta cara ao Goberno e ao seu partido. Unha excepción  que non debería ser tal, logo será tarde e o rural seguirá esmorecendo.   

Comparte éste artículo
No hay comentarios