O himno galego non é só unha partitura, é un mandato, “Os tempos son chegados”. Tras décadas de travesía polo deserto, onde a luz do galeguismo apenas se mantiña como unha vela tenue fronte aos vendavais do poder, hoxe o sentimento esperta. Non o fai por nostalxia, senón por necesidade e urxencia.
Desde aquel II Congreso do PG en Poio (1981), onde as palabras de Ramón Piñeiro sementaron a confusión e as estratexias persoais de moitos «históricos galeguistas», fracturaron o centro para buscar a «moqueta» política. O galeguismo sufriu mil feridas. Vimos como os símbolos eran apropiados por quen nunca creron neles, mentres Galicia se desgranaba, gran a gran, como unha espiga abandonada.
Galicia vive hoxe nunha encrucillada de caos e desafección. Unha Xunta que confunde xestionar con deixar pasar o tempo. Un BNG que se pecha en estruturas ríxidas lonxe da pluralidade social. Un PSdeG que navega nunha nebulosa, supeditado a estratexias alleas a Nosa Terra. Unha política de redes sociais baleira de ética, que substitúe as alternativas dialécticas por titulares de 24 horas. Hoxe non hai diálogo, só falta de respecto e un abandono sistemático da Terra. Presúmese dun rural vivo nos discursos e nas campañas publicitarias e políticas, pero a realidade é, que nunca estivo tan desatendido. Galicia non se defende dende a moqueta dos despachos, deféndese dende o suco, dende o compromiso de todos. É hora de que o rural deixe de pedir permiso para existir e esixa o respecto que a súa historia e o seu futuro merece.
Os galeguistas queren recuperar a ilusión de 1978. Aquela forza que naceu para defender a Galicia de quen quere saqueala, de quen esquece o rural, de quen expulsa á xuventude e de quen nega o dereito a unha vivenda digna e a unha Universidade de vangarda. O que entende que, a economía é para o peto dos seus. Unha Galicia viva con proxectos que non contaminen, con unha Sanidade e Educación de Champions League, non de terceira división,
O PG non son siglas baleiras. Son a memoria dos que non se venderon e a esperanza dos que saben que Galicia precisa un proxecto político con conciencia de país. Como escribiu, Ramón Cabanillas no seu poema, ¡En pé!: «o corazón aberto/ a toda verba amiga, e nunha man a fouce/ e noutra man a oliva».
Os galeguistas volven ao camiño. A loita pola dignidade e a paz para construír un futuro próspero. O galeguismo non estaba morto, estaba agardando por xente galeguista para defender a Galicia do espolio ao que a queren someter.
Os galeguistas espertan do seu sono: o rexurdimento dunha fronte común ante os novos retos de Galicia
No hay comentarios
No hay comentarios